O presidente provincial, Luis Menor, supervisou na cabeceira da comarca da Baixa Limia diversas obras e servizos nos que colabora a institución provincial, a través do fondos do plan CooperOU e doutras axudas
Menor coñeceu de primeira man a nova cuberta da pista de pádel, na que a Deputación e a Xunta de Galicia investiron 120.000 euros, nun claro exemplo de “cooperación institucional como factor clave para a execución deste proxecto”
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o concello de Bande para supervisar diversas obras e servizos nos que colabora a institución provincial, a través do fondos do plan CooperOU e doutras axudas, visita na que estivo acompañado pola alcaldesa, Sandra Quintas, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O presidente provincial tamén puxo en valor esta nova infraestrutura por tratarse dunha demanda da veciñanza, pero ademais “polo retorno social e deportivo tan importante que vai ter”.
Ademais, percorreu outras instalacións municipais como o pavillón polideportivo, onde tamén se levaron a cabo melloras como as de eficiencia enerxética.
“A aposta do Concello de Bande polo deporte é clara”, engadiu Menor, quen destacou a cooperación cun municipio moi activo e dinámico que, cara o remate do mandato, terá recibido máis de 1,5 millóns de euros de financiamento provincial.
Sandra Quintas agradeceu en tanto a cooperación das institucións “cos concellos pequenos como Bande, que non poden facer fronte a equipamentos deste tipo”. Ademais, a alcaldesa amosou o seu “orgullo” por completar un complexo deportivo “moi demandando pola xente moza e polo resto da veciñanza” que tamén servirá “como punto de encontro”.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, resaltou a aposta do goberno autonómico polo deporte e puxo en valor a actividade física como “vector que determina a alta lonxevidade da nosa provincia”.



