HomeXunta de GaliciaA Xunta pon como exemplo do interese pola protección do litoral que...

A Xunta pon como exemplo do interese pola protección do litoral que o 66% das alegacións ao Catálogo de Bens Culturais propoñan incluír novos elementos

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez indica que as 161 alegacións recibidas no período de exposición pública mostran o elevado interese da cidadanía por preservar e poñer en valor os elementos patrimoniais da costa galega
  • Unha vez avaliadas as propostas recibidas, o documento final será unha ferramenta clave para recuperar edificacións existentes de especial valor arquitectónico, cultural ou histórico
  • O Goberno galego xa ten en marcha, ademais deste catálogo, unha serie de actuacións para facer o litoral galego máis atractivo que nunca, como o deseño do Camiño do litoral ou dun prototipo de chiringuito biosostible
  • Esta exposición, que tivo unha grande acollida durante a súa permanencia na Casa de Galicia en Madrid, poderase visitar ata finais de xaneiro no Museo do Mar de Vigo

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe como exemplo do interese institucional e social pola protección do patrimonio da costa que o 66% das alegacións presentadas ao Catálogo de bens culturais no litoral de Galicia propoñan a inclusión de novos elementos.

Durante a súa participación na inauguración da mostra Galicia, litoral máxico, a conselleira indicou que das 161 alegacións recibidas no período de exposición pública, dúas de cada tres propostas (107) referíanse a inmobles que non están recollidos no documento, o que mostra o elevado interese da cidadanía por preservar e poñer en valor os elementos patrimoniais da costa galega. En concreto, recibíronse suxestións por parte de 15 concellos, 14 asociación e entidades, 7 empresas e máis dun cento de particulares.

Segundo subliñou a conselleira, unha vez avaliadas as propostas recibidas, o documento final será unha ferramenta clave para recuperar edificacións existentes de especial valor arquitectónico, cultural ou histórico. De feito, no documento que se someteu a exposición pública, recóllense 1.582 elementos con esas características, dos que algo máis da metade pertencen ás categorías de bens arquitectónicos ou industriais polo que poderían ter outros usos a futuro compatibles coa súa conservación e protección.

No caso concreto de Vigo, hai identificados 56 elementos entre xacementos arqueolóxicos, faros -como o de Cíes-, muíños, antigas fábricas -como a de conservas Virzi- e outros inmobles de carácter industrial. De feito, o edificio do Museo do Mar de Vigo, que acolle a exposición Galicia, litoral máxico que hoxe inaugurou a conselleira é o mellor exemplo da posta en valor do patrimonio costeiro. A recuperación dunha antiga fábrica de conservas para crear un espazo cultural define os piares nos que se sustenta a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral: tradición, protección do medio ambiente e desenvolvemento socioeconómico.

Nesa liña, a conselleira incidiu no fito histórico que supuxo para Galicia recibir o traspaso das funcións e servizos o pasado 1 de xullo porque coa xestión plena do litoral poderemos poñer en valor, aínda máis, as súas potencialidades desde o punto de vista ambiental, social e económico.

Así, o Goberno galego xa ten en marcha, ademais do devandito catálogo de bens culturais, unha serie de actuacións para facer o litoral galego máis atractivo que nunca, como o deseño do Camiño do litoral ou dun prototipo de chiringuito biosostible que sirva de modelo para unificar a estética deste tipo de establecementos.

Neste contexto, a conselleira dixo que esta exposición, que tivo unha grande acollida durante a súa permanencia na Casa de Galicia en Madrid e que se poderá visitar ata finais de xaneiro en Vigo, xurde nun momento moi especial para a Comunidade e agradeceu aos artistas participantes a homenaxe que fan a través das súas obras ao noso litoral representando á perfección a súa fisionomía tan característica, a súa riqueza natural, o amplo patrimonio cultural ou as tradicións mariñeiras.

Publicacións Relacionadas