Estas axudas repartíronse entre 17 traídas de agua e 6 asociacións de veciños
A Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso co tecido comunitario do concello de Mos cun investimento superior aos 200.000 euros a través dos programas +AQUA, +NOVAQUA e Plan Provincia Comunitaria. As achegas permitirán modernizar infraestruturas básicas das traídas de augas e mellorar equipamentos e servizos en varias asociacións veciñais do municipio.
Esta semana tivo lugar a presentación do balance provincial destes plans: As dúas convocatorias do Plan Provincia Comunitaria, deseñado para promover actuacións de mellora de locais sociais de colectivos veciñais ou a adquisición de equipamentos, supuxeron un investimento de 3,8 millóns de euros para atender a 402 colectivos veciñais. Os dous plans +Aqua aprobados, pensados para financiar melloras nos sistemas de captación, abastecemento e control das comunidades de usuarios de auga, repartiron un total de 4,1 millóns de euros entre 439 entidades; e o novidoso +Novaqua, para a regularización de traídas de auga, serviu para atender 70 solicitudes por valor de 340.000 euros.
Esta aposta estratéxica da Deputación de Pontevedra polo tecido asociativo da provincia terá continuidade nas contas do 2026 e incremantaranse os orzamentos iniciais destinados a estes plans nun 20 %, confirmando novas convocatorias destes tres plans para o vindeiro ano cun orzamento inicial de 1,4M€ para o +Aqua e Provincia Comunitaria; e de 360.000€ para o +Novaqua.
Nesta última convocatoria, máis de 200.000 euros foron para asociacións veciñais e traídas de augas de Mos:
1) Asociacións Veciñais – Plan Provincia Comunitaria
Máis de 50.000 euros.
A través do Plan Provincia Comunitaria, seis asociacións de Mos recibiron financiamento para melloras en infraestruturas, equipamentos e locais sociais: Torroso, Herville, Dornelas, Santa Baia, San Mamed e Guizán.
2) Traídas de Augas – Plans +AQUA e +NOVAQUA
Máis de 160.000 euros.
Un total de 17 traídas augas das distintas parroquias de Mos contarán con máis de 160.000 euros destinados á mellora de depósitos, renovación de tubaxes, modernización das redes de abastecemento e instalación de novos sistemas de potabilización e telecontrol.
Un impulso decisivo para o tecido social de Mos
Con estes máis de 200.000 euros, Mos consolídase como un dos concellos con maior dinamismo comunitario da provincia. As melloras previstas en traídas de augas e asociacións veciñais fortalecerán a cohesión territorial, a calidade de vida e a participación activa da veciñanza.



