A alcaldesa reuniuse co director xeral de Patrimonio Cultural para abordar a recuperación da Fortaleza de Goián e o recoñecemento do Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago
A fronteira do río Miño garda unha historia compartida que reclama compromisos firmes. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reuniuse co director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes, para abordar dous asuntos estratéxicos para o presente e o futuro do concello: a recuperación da Fortaleza de Goián e o avance no recoñecemento do histórico Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago.
No encontro, a rexedora puxo sobre a mesa a grave situación da Fortaleza de Goián, Ben de Interese Cultural e unha das fortalezas máis relevantes do século XVII na fronteira do Miño, que continúa derruída tres anos despois das inundacións do Nadal de 2022. Unha situación que contrasta coa resposta noutros puntos da fronteira, como Valença, onde intervencións do Estado permitiron recuperar xa as fortificacións afectadas nas mesmas datas. Desde o Concello reclamouse avanzar nun convenio ou nunha liña de axudas específicas que fagan posible a súa reconstrución e posta en valor.
“A Fortaleza de Goián non pode seguir neste estado, porque falamos dun Ben de Interese Cultural que forma parte da nosa identidade e da historia común da raia. É imprescindible unha resposta á altura da súa importancia, porque é unha obra de gran calado e delicadeza patrimonial”, subliñou a rexedora, que incidiu na necesidade de colaboración entre administracións para desbloquear unha actuación tan necesaria.
Outro dos eixos centrais da reunión foi o traballo que o Concello de Tomiño vén desenvolvendo desde hai máis de dous anos para o recoñecemento do Camiño da Nosa Señora do Norte como parte do Camiño de Santiago. Un itinerario medieval documentado historicamente, con referencias ao paso de peregrinas e peregrinos xa no ano 1295, froito dunha investigación iniciada en 2022 polo arquitecto Antonio Soliño, con consulta de arquivos e fontes documentais.
Trátase dunha ruta histórica de preto de 200 quilómetros que conecta sete concellos galegos e portugueses —Tomiño, Gondomar, Redondela, Vila Nova de Cerveira, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo e Caminha— unidos baixo a coñecida Declaración da Vila da Barca, coa que se comprometeron a poñer en valor este camiño cun enorme potencial natural, patrimonial e cultural. A ruta conta xa cunha imaxe propia integrada na rede xeral do Camiño de Santiago, respectando a identidade xacobea pero cunha personalidade diferenciada.
“A Xunta trasladounos que o recoñecemento de novos camiños oficiais está pechado, pero abrimos a porta a unha alternativa moi relevante: o recoñecemento como itinerario cultural, que permitiría sinalizar, visibilizar e poñer en valor este percorrido histórico”, explicou Sandra González. “Para Tomiño sería un primeiro paso fundamental que recoñece anos de traballo rigoroso e unha oportunidade de desenvolvemento cultural e turístico sostible para toda a comarca”, recalcou.



