HomeVigoMosMos e o Celta asinan o convenio para a creación dun novo...

Mos e o Celta asinan o convenio para a creación dun novo sistema xeral de abastecemento de auga vinculado ao Celta 360

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos e o Real Club Celta veñen de asinar o convenio de colaboración que permitirá executar un novo sistema xeral de condución de auga para conectar o ámbito do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) Celta 360 coa condución xeral do sistema de abastecemento do Louro. Durante o acto de sinatura indicaron tamén que o inicio das obras é inminente.

O convenio ten por obxecto regular a execución e posterior cesión ao Concello de Mos do depósito regulador de Coto dos Mosquitos e da súa conexión coa rede municipal no depósito de A Veigadaña, mediante unha nova condución, bombeos e sistemas de control, cunha ocupación aproximada de 5.325 m².

Segundo o convenio, asinado da man da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da presidenta do R.C. Celta, Marián Mouriño, o orzamento estimado da execución material das obras ascende a máis de dous millóns e medio de euros, dentro dunha previsión económica global que sitúa o investimento do Real Club Celta en máis de 3,1 millóns de euros, en función da programación e axustes de gasto.

O convenio establece que o investimento será asumido integramente polo Real Club Celta, sen achega económica do Concello de Mos para a execución das actuacións recollidas no texto.

Pola súa banda, o Concello de Mos comprométese a tramitar e supervisar os documentos técnicos, realizar os trámites relativos aos terreos de titularidade municipal, recibir as obras unha vez finalizadas e asumir a explotación do sistema xeral de abastecemento desde a súa posta en servizo.

O novo sistema xeral de adución partirá do depósito de A Veigadaña e contará cunha condución duns 6 quilómetros, bombeos intermedios e un depósito de regulación situado no ámbito do Celta 360, integrado no sistema de telecontrol (SCADA) do Consorcio de Augas do Louro, organismo responsable da rede de distribución. O depósito ten capacidade para abastecer ao PIA e conta cunha reserva para necesidades futuras do Concello de Mos, que daría servizo a uns 4.000 usuarios.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que este convenio “supón un paso decisivo para reforzar o abastecemento de auga na zona, acompañando o desenvolvemento do Celta 360 e mellorando ao mesmo tempo a capacidade do sistema xeral no noso municipio”.

Carlos Cao, director de infraestruturas e relacións institucionais do club celeste, subliñou que este convenio é “tremendamente importante para o proxecto e para o club. Esta será unha infraestrutura necesaria que vai dotar os resto da comunidade con algo que hoxe non ten e que dará servizo a diferentes parroquias próximas ao complexo”.

Este convenio enmárcase nas determinacións do PIA Celta 360, aprobado pola Xunta de Galicia, e na normativa urbanística e sectorial vixente, que prevé a execución deste sistema xeral de abastecemento como peza clave para atender as novas demandas e reforzar a rede existente.

Publicacións Relacionadas