O presidente provincial, Luis Menor, continua coa súa rolda de visitas aos concellos da provincia para coñecer de primeira man os proxectos realizados en cada territorio grazas á cooperación institucional
No caso de Lobeira, a Deputación de Ourense destinará cara o remate do mandato máis de un millón de euros para diferentes proxectos que melloran a vida da veciñanza
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou o Concello de Lobeira, onde supervisou varias obras e servizos que contan coa axuda da institución provincial. O alcalde do municipio, Antonio Iglesias, acompañou a Menor durante este encontro de traballo, que se enmarca nas visitas a concellos do presidente provincial para supervisar actuacións feitas grazas a cooperación institucional. Cara o remate do mandato, a Deputación de Ourense destinará máis de un millón de euros para diferentes proxectos que melloran a vida da veciñanza.
“Comprobamos en Lobeira que é un concello exemplo de eficiencia enerxética, humanización e aposta pola mellora da calidade de vida dos veciños”, valorou Menor trala visita. O presidente provincial destacou o traballo do rexedor de Lobeira e o seu equipo, co que estudou posibles novos proxectos.
Pola súa banda, Antonio Iglesias, valorou a visita como “moi frutífera” e agradeceu ao presidente da Deputación o apoio para obras “clave para a nosa veciñanza”, dixo, como as de eficiencia enerxética ou as melloras no sistema de sumidoiros.



