— Asegura que o desprazamento consolidará ao Porto Exterior como un motor económico e industrial de primeiro nivel e compromete o apoio do Executivo autonómico a todas aquelas empresas que “con respecto e cumprindo a normativa” queiran investir en Galicia
— Salienta a necesidade de seguir consolidando a Punta Langosteira “como un hub para determinadas actividades que van buscar un emprazamento como este” debido á súa situación xeográfica estratéxica
— Subliña que o acordo de hoxe constitúe un paso máis no proxecto ‘Coruña Marítima’, xa que liberará preto de 100.000 m² no peirao interior coruñés
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o traslado da terminal marítima de Repsol a Punta Langosteira suporá un gran pulo para o Porto Exterior, así como un paso fundamental no proxecto de abrir a cidade ao mar, proxectos nos que a colaboración público-privada resulta “fundamental”.
Así o manifestou durante a presentación do acordo entre ambas entidades para completar o traslado desde o peirao de San Diego, que se completará en 2027. O titular do Goberno galego destacou este pacto como un gran fito que garante a continuidade do Complexo Industrial de Repsol na Coruña e que consolidará ao Porto Exterior como un motor económico e industrial de primeiro nivel.
“Agradezo a aposta de Repsol, unha empresa netamente coruñesa sen a cal non se podería entender nin esta cidade, nin esta comarca, nin Galicia, e por seguir sendo unha parte fundamental do noso desenvolvemento industrial ao que non imos renunciar”, indicou Rueda, ao tempo que comprometeu o apoio do Goberno galego a todas aquelas industrias que “con respecto e cumprindo a normativa” queiran investir na comunidade.
Punta Langosteira é xa a primeira dársena de Galicia por volume de toneladas, xa que este ano pechará con 8,5 millóns de toneladas, das cales 5 corresponden ao petróleo operado por Repsol. Neste sentido, Alfonso Rueda destacou as grandes oportunidades de futuro que presenta, debido á súa situación xeográfica estratéxica e ás características idóneas para converterse nun centro de probas da eólica mariña e en referente en todo o que ten que ver con enerxías renovables.
“Agora Punta Langosteira colle aínda máis velocidade de cruceiro, polo que hai que seguir consolidándoo como un hub para determinadas actividades que van buscar un emprazamento como este”, asegurou.
Así, a Xunta apoia proxectos como o da Autoridade Portuaria para impulsar a transformación de Punta Langosteira nun Porto Verde (Green Port), xa que que supón unha oportunidade para a creación de actividade industrial e emprego e para a transición enerxética.
Rueda tamén subliñou que o acordo de hoxe constitúe un paso máis no proxecto Coruña Marítima, xa que liberará preto de 100.000 m² no peirao interior coruñés. Un proxecto ambicioso que nace da cooperación de diferentes administracións –Xunta, o Concello da Coruña, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria– que recuperará espazo para a cidadanía e que representa unha oportunidade única para transformar esta cidade con visión de futuro.
Demandas clave para a competitividade do porto
O Presidente da Xunta sinalou tamén a importancia de contar con “infraestruturas que están pendentes” para poder completar “todo ese futuro prometedor” do porto coruñés. Así, a conexión ferroviaria resulta clave no aumento da proxección e competitividade dos peiraos e das empresas operadoras, polo que a Xunta reitera a necesidade de que o Ministerio de Transportes axilice a redacción do estudo informativo do ramal sur, que conectará co Eixo Atlántico en sentido Santiago, así como a necesidade de contar cun plan completo e detallado con compromisos, cifras e prazos das actuacións necesarias para o Corredor Atlántico Noroeste.
Ademais, o Executivo autonómico segue a reclamar a consideración de Punta Langosteira como porto estratéxico para o desenvolvemento industrial da eólica mariña e reivindica a necesidade de esforzo das infraestruturas eléctricas en Galicia para que non impidan o desenvolvemento de proxectos industriais.



