HomeXunta de GaliciaA Xunta apela á "máxima responsabilidade" de todas as administracións implicadas para...

A Xunta apela á “máxima responsabilidade” de todas as administracións implicadas para avanzar na protección dos murais de Lugrís na Coruña

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Patrimonio Cultural traslada no Parlamento o  total compromiso do Goberno galego coa súa conservación e para que as creacións poidan estar á disposición da cidadanía nas mellores condicións
  • Ángel Miramontes empraza á Deputación da Coruña a sumarse á mesa de traballo activada en xuño

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, apelou hoxe á “máxima responsabilidade” de todas as Administracións implicadas na protección dos murais de Lugrís, localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos, para avanzar na súa protección e poder poñelos á disposición da cidadanía nas mellores condicións, “tal e como foi e está a ser o compromiso da Xunta”.

Así o aseverou en resposta a unha pregunta na comisión 4ª do Parlamento, na que o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude trasladou a importancia de que Concello e Deputación da Coruña se sumen “co mesmo compromiso que está amosar a Xunta na conservación deste Ben de Interese Cultural”. Ao respecto, lembrou a importancia de “participar, traballar e avanzar” na mesa de traballo conxunto das tres administracións implicadas, activada o pasado mes de xuño, dando cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Neste senso, Ángel Miramontes lamentou que a Deputación da Coruña non asistise a este encontro e emprazou a institución provincial a sumarse á próxima convocatoria, ao tempo que incidiu en que “é moi importante que todas as administracións actuemos coa máxima responsabilidade”.

Espazo dedicado á figura e obra de Lugrís

Precisamente, salientou que a Xunta, ademais de convocar esta mesa de traballo, propuxo a creación dun espazo dedicado á figura e obra de Lugrís, nos números 25 e 27 da rúa Olmos, para manter o complexo mural no lugar onde foi creado, xa que se considera esta opción a máis óptima para garantir a mellor conservación do conxunto, á vez que resulta a menos custosa.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia adquiriu estes murais tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tanteo. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude exerceu así o seu dereito de adquisición preferente, recollido na Lei de Patrimonio Cultural para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección, igualando a oferta de 36.000€ feita por un particular.

Con esta adquisición, o obxectivo da Administración autonómica era protexer e restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía, tendo en conta o interese común por manter as obras na cidade, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sexan públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación.

Publicacións Relacionadas