HomePontevedraBaixo MiñoA solidariedade bota a correr en Tomiño

A solidariedade bota a correr en Tomiño

- Anuncio -spot_img

Tres centros educativos únense nunha carreira solidaria que mobilizará a alumnado e familias o 19 de decembro na Praza do Seixo

Tomiño prepárase para converter as rúas do Seixo nun circuíto de solidariedade, enerxía e comunidade no CorreNadal Solidario. O vindeiro venres 19 de decembro, o CEIP Plurilingüe de Barrantes, CEIP Pintor Antonio Fernández e CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán impulsarán unha carreira solidaria conxunta na que colaboran tamén as ANPAS, o Concello e a Eurocidade Cerveira–Tomiño, nun fin de trimestre que aposta polo deporte, a convivencia e a axuda mutua.

O alumnado será o protagonista dunha xornada que recadará fondos para catro entidades sociais que traballan a favor da infancia, da inclusión e do benestar animal: Bicos de Papel, Discamino, Protectora Aloia e Asociación Vontade. Cada nena e neno poderá facer a súa achega a través dun sobre que entregará no centro antes da saída da carreira.

A iniciativa abre tamén a participación ás familias e á comunidade educativa, que deberán inscribirse previamente antes do 17 de decembro a través do formulario en liña habilitado. As persoas adultas poderán recoller o seu dorsal tras deixar o donativo na urna correspondente.

Todos os participantes recibirán unha chapa conmemorativa e un chocolate quente con biscoito, nunha festa deportiva onde se anima a levar algún complemento de Nadal que non interfira na carreira. As carreiras comezarán ás 11.00 h coa participación do alumnado de infantil, ás 11.15 h co do 1º ciclo, ás 11.30 h co de 2º ciclo, ás 11.50 h co de 3º ciclo e ás 12.10 h coa participación das familias.

O Concello de Tomiño destaca o valor educativo da iniciativa, que pon en práctica principios como a empatía, o respecto e o traballo colectivo. A organización agradece de antemán a implicación de toda a comunidade.

Publicacións Relacionadas