HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López anuncia unha nova liña de axudas dotada de 600.000 euros...

Luis López anuncia unha nova liña de axudas dotada de 600.000 euros para que as asociacións financien obras nos seus centros

- Anuncio -spot_img

As obras de construción, rehabilitación, ampliación e reforma dos locais deberán ter un custo mínimo de 100.000 euros, dos que a Deputación financiará ata 80.000 € e un máximo do 80% do orzamento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación das bases dunha nova liña de axudas coas que a institución provincial vén reforzar o seu compromiso coas entidades de iniciativa social da provincia. Dotada de 600.000 euros, a liña está destinada a que as entidades sociais poidan financiar a realización de obras nas súas instalacións.

Con estes recursos, tal como detallou o presidente provincial, “poderán facer fronte á construción, rehabilitación, ampliación e reforma dos centros de entidades de iniciativa social nos anos 2025 e 2026”. A través do seu financiamento, a Deputación busca “promover a mellora dos inmobles a través de actuacións de conservación e funcionalidade dos edificios, eficiencia enerxética, seguridade e accesibilidade universal”.

O importe mínimo das actuacións será de 100.000 euros, mentres que a achega máxima que poderán recibir as entidades será de 80.000 €, sen que en ningún caso poida exceder o 80% do importe total. As obras poderán realizarse tanto en inmobles que sexan da súa titularidade como noutros sobre os que teñan un dereito de uso por un mínimo de 5 anos, a contar desde a data de solicitude das axudas. Quedarían excluídas, polo tanto, actuacións en locais en réxime de alugueiro.

Luis López sinalou que, “despois de estar esquecidas durante oito anos”, o goberno actual da Deputación “amosa así o seu compromiso coas entidades de iniciativa social, así como con todo o tecido asociativo da provincia de Pontevedra, que atopa agora en nós todas as facilidades para impulsar os seus proxectos”.

Publicacións Relacionadas