HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación aproba o convenio co Concello de Portas para financiar o...

A Deputación aproba o convenio co Concello de Portas para financiar o proxecto de ensanche e acondicionamento da EP-8101 Portas-Romai

- Anuncio -spot_img

Luis López sinalou que o proxecto ten un orzamento de preto de 1,4 millóns de euros dos que a Deputación asume o 80%, cunha achega superior aos 1,1 millóns

O presidente da Deputación de Pontevedra informou este venres da aprobación do convenio entre a institución provincial e o Concello de Portas para executar o proxecto de ensanche e acondicionamento da EP-8101 Portas-Romai. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo, cun orzamento total de preto de 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación asumirá o 80% (1,1 millóns de euros) e o Concello de Portas o 20% restante (preto de 280.000 euros).

As obras proxectadas na EP-8101 Portas-Romai afectan un treito de máis de 3,3 quilómetros, e consistirán na ampliación da plataforma para converter espazos nos que non existen itinerarios peonís seguros en espazos accesibles. Na actualidade a estrada ten un ancho escaso, con estreitamentos puntuais, sen beiravías nin anchos practicables. Isto solucionarase mediante unha senda peonil na marxe esquerda da estrada e, onde non se poida optar por esta solución, varias zonas de convivencia. Tamén se contempla a execución de muros de contención en zonas de desmonte, a execución dunha nova rede de pluviais, a mellora da sinalización e o retranqueo dos postos dos servizos afectados. O prazo de execución previsto é de 12 meses.

Preto de 3,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno

As obras na EP-8101 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de preto de 3,7 millóns de euros, xunto con outros proxectos relacionados con estradas provinciais situadas na Estrada e Vilanova de Arousa. “Con estas tres obras”, sinalou Luis López, “seguimos consolidando o noso firme compromiso coa modernización das estradas provinciais, como vimos xa demostrando nestes dous anos e medio e como seguiremos demostrando o próximo ano”.

O presidente da Deputación asegurou que “as estradas provinciais son indispensables para a vertebración do territorio pontevedrés, e deben estar nas mellores condicións”. Por iso, detallou, “de cara a 2026 recibirán máis de 38 millóns de euros, unha cifra que supón un aumento dun 56% respecto ao que recibiron este ano”. Con estes recursos “serán xa 110 millóns investidos nas estradas provinciais neste mandato, pero todo o que poidamos investir na súa posta a punto será pouco”, informou Luis López.

Publicacións Relacionadas