Luis López anunciou os investimentos nas estradas Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas e Baión-András, que afectan a preto de 3 quilómetros e inclúen a reposición do firme, cunetas transitables, unha nova rede de pluviais e a mellora da sinalización
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto de execución das obras de mellora de seguridade viaria en dúas estradas provinciais en Vilanova de Arousa, cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros. O presidente provincial, Luis López, sinalou que o proxecto afecta un treito de máis de 2,5 quilómetros da EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas e outros 400 metros da EP-9701 Baión-András.
As obras na EP-9701 e na EP-9703 consistirán na reposición do firme existente, mediante fresado, e na posterior extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente. Ademais, tamén se procederá a mellorar a drenaxe superficial mediante a execución de cunetas transitables de formigón en distintos tramos, e dunha nova rede de pluviais para evacuar as choivas, adaptada aos días nos que se rexistren fortes precipitacións. As obras tamén inclúen a mellora da sinalización horizontal e vertical para salvagardar a prestación do servizo público e mellorar a seguridade das vías. O prazo de execución previsto é de seis meses.
Esta actuación súmase á que anunciou o presidente Luis López fai unhas semanas noutro treito de preto de 600 metros da EP-9701 Baión-András, cun orzamento de preto de 900.000 euros, consistente na execución dunha senda peonil e unha zona de convivencia, a renovación do firme e a mellora da recollida de pluviais e da sinalización.
Preto de 3,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
As obras na EP-9701 e a EP-9703 forman parte dun paquete de medidas aprobadas este venres na Xunta de Goberno por un valor total de preto de 3,7 millóns de euros, xunto con outros proxectos relacionados con estradas provinciais situadas na Estrada e Portas. “Con estas tres obras”, sinalou Luis López, “seguimos consolidando o noso firme compromiso coa modernización das estradas provinciais, como vimos xa demostrando nestes dous anos e medio e como seguiremos demostrando o próximo ano”.
O presidente da Deputación asegurou que “as estradas provinciais son indispensables para a vertebración do territorio pontevedrés, e deben estar nas mellores condicións”. Por iso, detallou, “de cara a 2026 recibirán máis de 38 millóns de euros, unha cifra que supón un aumento dun 56% respecto ao que recibiron este ano”. Con estes recursos “serán xa 110 millóns investidos nas estradas provinciais neste mandato, pero todo o que poidamos investir na súa posta a punto será pouco”, informou Luis López.



