Alberto García solicita ao alcalde que explique os incrementos que aplicará ao IBI e ao resto das taxas municipais en 2027
O grupo municipal socialista reclama ao alcalde de Catoira que explique á veciñanza o contido do Decreto da Alcaldía nº 2025-0419, do 30 de outubro de 2025, no que o propio rexedor comunica á Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos (CDGAE) e ao Ministerio de Facenda a súa decisión de aplicar un incremento do tipo de gravame do IBI urbano do 0,60 ao 0,70, así como outras medidas relativas ao ingreso público.
Segundo o PSOE, o Decreto deixa claro que o alcalde opta por incrementar a presión fiscal como vía para cumprir o Plan de Sostibilidade Financeira do Concello, sen informar previamente á Corporación nin á cidadanía. O documento establece expresamente que estas medidas precisan aprobación plenaria, mais o alcalde xa as trasladou a Facenda como compromisos asumidos polo Concello.
O portavoz socialista, Alberto García, denuncia que o rexedor “adopta decisións que afectan directamente aos petos da veciñanza sen transparencia nin diálogo”, e lembra que o IBI xa fora incrementado en 2021. “Agora pretende volver subilo, e facelo por Decreto, ao máis puro estilo estalinista, comunicándoo antes a Madrid que aos veciños”, critica.
O Decreto tamén recolle a decisión da Alcaldía de modificar as condicións financeiras dos préstamos formalizados co Fondo de Financiación a Entidades Locais (FFEELL), incluíndo así como transformación das débedas canceladas mediante retencións da participación en tributos do Estado nun novo préstamo do Fondo de Ordenación por 412,43 miles de euros, cun prazo de cancelación ata 2060.
Para o PSOE, estas decisións evidencian unha situación financeira “moi grave” que o alcalde pretende afrontar “únicamente a través da suba de impostos”, cando existen outras alternativas de xestión. “O que está facendo é trasladar á cidadanía o custo dunha mala planificación económica”, afirma García.
O grupo socialista esixe que o alcalde faga público o Decreto, explique con claridade o impacto da suba do IBI e das demais medidas fiscais, e abra un proceso de información e debate antes de adoptar decisións que condicionan o futuro económico de Catoira durante décadas.



