A actuación contará cun prazo de execución de seis meses e incluirá o reforzó de espazos para peóns, novos servizos básicos e suporá “un antes e un despois” para un emprazamento emblemático
O alcalde, Jacobo Pérez, recorda que para o Goberno local tamén é prioritaria a recuperación da Carreira e da Rúa San Roque
O Concello de Caldas de Reis vén de licitar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na contorna do Campo da Torre, unha das actuacións máis importantes previstas para este mandato. A actuación sae a concurso cun orzamento que ascende a un total de 839.405,99 euros, IVE engadido, que se financia a través de fondos do Plan Extra da Deputación de Pontevedra, correspondentes á convocatoria de 2024. Tal e como recorda o alcalde, Jacobo Pérez, a licitación non puido ser aprobada antes ao estar a Administración local pendente de recibir o visto bo definitivo da Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Xunta de Galicia. Unha vez obtidos todos os permisos pertinentes, xa se pode abrir o período para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
O prazo de execución da obra será de seis meses. O proxecto, en palabras do rexedor caldense, suporá “un antes e un despois para un dos emprazamentos máis emblemáticos e estratéxicos do noso casco urbano”. A actuación servirá para garantir a accesibilidade universal, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria e se renovarán servizos básicso e alumeado. “Ao longo de 2026 faremos realidade unha obra que servirá tamén para poñer en valor unha área que destaca pola súa importancia desde o punto de vista natural e patrimonial”, sinalou Jacobo Pérez, que lembra que o Campo da Torre está directamente relacionado co Camiño Portugués ao seu paso por Caldas de Reis, así como co río Bermaña. Esta primeira actuación na zona estenderase sobre unha superficie que chegará aos 2.500 metros cadrados aproximadamente.
Tal e como detallou o rexedor caldense, as actuacións proxectadas prevén priorizar o tránsito peonil na zona, ao tempo que tamén se buscarán alternativas para o uso de vehículos privados, mellorando e aumenando, ademais, a superficie para viandantes e bicicletas, con vías “continuas e atractivas”, sinalou.
O Goberno local aposta por establecer un novo modelo de xerarquización viaria a nivel urbano, co obxectivo de reducir o impacto do tráfico rodado e facilitar as conexión peonís entre núcleos. Sobre este proxecto en concreto, a área de actuación inclúe o espazo completo do Campo da Torre, ata a intersección coa rúa Fermín Mosquera así como a contorna da Fonte e da Ponte Bermaña. Tamén se prevé actuar no tramo da rúa Fernández García Díaz, máis próxima ao río Bermaña.
Máis obras no futuro
Lonxe de conformarse, o Concello de Caldas de Reis continuará coa súa folla de ruta para continuar transformando e mellorando esta contorna. Tal e como lembrou o alcalde, outra actuación prioritaria é a recuperación da Carreira, dando así responsa a unha demanda veciñal moi importante. Ademais, está proxectada tamén a mellora integral da Rúa San Roque, que se acometerá con fondos do Plan Extra 2025. Jacobo Pérez confirmou que, unha vez adxudicada a obra, convocarase unha reunión informativa coas persoas residentes na contorna, para explicar os detalles da actuación e do operativo de tráfico que será necesario habilitar para garantir a seguridade durante a execución do proxecto.



