O presidente provincial, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientaron na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno da Deputación co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos en dous anos
11 comunidades de usuarios de augas da contorna do Salnés e Arousa recibirán axudas por valor de preto de 125.000 € para mellorar as súas instalacións e equipamentos e regularizar as súas traídas
30 asociacións e colectivos veciñais desta contorna da provincia serán beneficiadas con máis de 340.000 € para adquirir equipamento e mellorar e renovar instalacións e locais sociais
A Deputación de Pontevedra está a destinar nestes dous anos de goberno preto de medio millón de euros a máis de 40 asociacións e comunidades de augas dos concellos de Cambados, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Son 11 comunidades de usuarios de augas destes concellos da contorna do Salnés e Arousa que recibirán axudas por valor de preto de 125.000 € para mellorar as súas instalación e regularizar as súas traídas. Pola súa banda, 30 asociacións e colectivos veciñais desta contorna serán beneficiadas con máis de 340.000 € para adquirir equipamentos e mellorar e renovar as súas instalacións e locais sociais.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto ao deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, salientou na I Gala Provincia Comunitaria o compromiso do goberno provincial co movemento veciñal, con 1.000 colectivos do conxunto da provincia atendidos e 11,5 millóns de euros distribuídos nestes primeiros dous anos de mandato. Tamén aproveitou para adiantar que no 2026 as liñas de axudas dirixidas ao tecido veciñal medrarán un 20% para seguir espallando recursos a un colectivo “que nos está permitir construír unha provincia máis avanzada, participativa e cohesionada”, destacou o presidente.
No que respecta á contorna do Salnés e Arousa, tres colectivos de Cambados están a ser beneficiados con máis de 34.000 € da liña de axudas Provincia Comunitaria para comprar equipamento e mellora ras súas infraestruturas. Ademais, outras seis entidades de Meis beneficiaranse de preto de 80.000 €: 4 comunidades de augas recibirán preto de 40.000 € para mellorar e reparar as instalacións das súas traídas e mananciais e outras dúas asociacións tamén 40.000 € para comprar equipamento e acondicionar os seus locais sociais.
De Ribadumia son catro as entidades que reciben máis de 54.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación. Tres comunidades de augas contarán con máis de 38.000 € para renovar e mellorar as súas traídas e executar obras nos seus depósitos e a asociación de veciños de San Andrés de Barrantes preto de 7.000 € para dotar ao local social de equipamento técnico.
No caso de Sanxenxo, 5 asociacións reciben máis de 62.000 € para adquirir equipamento para os seus locais sociais, e 15 entidades de Vilagarcía de Arousa reciben preto de 151.000 €. Neste caso trátanse de dúas comunidades de augas que contarán con 30.000 € para instalar sistemas de potabilización, novas tubaxes e reparar e mellorar as súas instalacións e de 12 asociacións que con preto de 121.000 € adquirirán mobiliario e material técnico e mellorarán os seus locais sociais.
Pola súa banda, no Concello de Vilanova de Arousa 8 entidades reciben máis de 78.000 €. Delas, a Comunidade de Usuarios de Auga de Serantes beneficiarase de máis de 15.000 € para realizar melloras no seu depósito e renovar a concesión da traída, e outras sete asociacións contarán con preto de 63.000 € para adquirir equipamentos e realizar obras de mellora nos seus locais sociais para mellorar a prestación dos seus servizos cara as persoas usuarias.



