Todos eles veñen de ser galardoados cos premios Fin de carreira de artísticas superiores e extraordinarios na modalidade de artísticas profesionais polo seu bo aproveitamento académico
Unha ducia de estudantes de ensinanzas artísticas veñen de acadar os premios da Xunta de Galicia que recoñecen o seu desempeño excelente. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución dos premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos de ensinanzas artísticas superiores e dos premios extraordinarios na modalidade de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza, e de artes plásticas e deseño.
No caso dos galardóns de fin de carreira, recoñecen o labor do alumnado que rematou brillantemente os seus estudos conducentes a unha titulación superior de ensinanzas artísticas no curso 2024/25, nos centros públicos dependentes da Xunta de Galicia.
Tal e como recolle a orde de convocatoria, as persoas premiadas reciben unha dotación económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, certificando que se trata do estudante que conta co mellor expediente académico de entre os solicitantes.
A listaxe de beneficiarios é a seguinte:
| Concello | Centro | Estudante | Modalidade | Especialidade |
| Vigo | Escola Superior de Arte Dramática de Galicia | Sophia Fernández Rodal | Arte Dramática | Interpretación |
| Pontevedra | Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia | Susana Quintás Rocha | Conservación e Restauración de Bens Culturais | Escultura |
| Lugo | Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón | Mateo Cabo Iglesias | Deseño | Interiores |
| Lugo | Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón | María Esther López Álvarez | Deseño | Gráfico |
| A Coruña | Conservatorio Superior de Música da Coruña | Andrea Lafuente Carballeda | Música | Interpretación (piano) |
| Vigo | Conservatorio Superior de Música de Vigo | Manuel Muñiz Pintos | Música | Interpretación (piano) |
No que atinxe aos premios extraordinarios, distinguen o traballo do alumnado que finalizou as ensinanzas profesionais de Música, de Danza ou de ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño, no curso 2024/25. Para acceder a estes galardóns, os candidatos debían ter unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. De acordo co establecido na convocatoria, os estudantes premiados reciben un galardón de 1.000€ e un diploma acreditativo.
A listaxe de estudantes beneficiarios é a seguinte:
| Concello | Centro | Estudante | Ámbito | Especialidade |
| A Coruña | Conservatorio Profesional de Música da Coruña | Laura Ros Sanz | Música | Violoncello |
| Santiago de Compostela | Centro Autorizado de Música Profesional Contrapunto Histórico de Santiago | Anxo Gómez Piñeiro | Música | Violín |
| A Coruña | Conservatorio Profesional de Música da Coruña | Mateo Rey Edreira | Música | Piano |
| Lugo | Conservatorio Profesional de Danza de Lugo | Samuel López Legaspi | Danza | Danza contemporánea |
| Ourense | Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde | Mar González Alonso | Artes plásticas e deseño | Ilustración |
| Santiago de Compostela | Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo | Carlota Cao Boluda | Artes plásticas e deseño | Xoiaría artística |



