· O programa municipal concluíu onte coa danza teatral Od(i)osa, de Proxecto Morriña.
A Pobra despediu, onte, o seu Outono Cultural cunhas cifras que reafirman o asentamento deste programa municipal. Tanto é así, que tal e como explica a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, entre os meses de outubro e decembro celebráronse “un total de nove espectáculos que lograron reunir 1.600 persoas asistentes”. Trátase dun número que confirma, como incide a concelleira, “o interese da veciñanza polas artes escénicas”.
O Outono Cultural incluíu preto dunha decena de funcións e actividades de teatro, música e danza. A programación arrincou a finais de outubro con Guerra, da compañía Teatro do Noroeste, e pechouse da man da danza teatral Od(i)osa, de Proxecto Morriña. Ao longo das semanas non faltou o teatro, con representacións como como As gardiás ou o nó do Tecelán e O proceso, por exemplo. Porén, houbo tamén oco para a música grazas aos concertos da Orquestra de Cámara Galega ou á actuación de Zavala e As atalarias de Caión.
Todas as actividades da programación tiveron lugar no Teatro do Cine Elma ao longo dos sábados e domingos de outubro, novembro e decembro. As diferentes propostas realizáronse dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Como avanza a edil, proximamente darase a coñecer o novo programa cultural que se levará a cabo a partir do mes de xaneiro.



