HomePontevedraBaixo MiñoOs Cafés en Igualdade do Rosal pechan o ano abrindo debate sobre...

Os Cafés en Igualdade do Rosal pechan o ano abrindo debate sobre os piropos

- Anuncio -spot_img

A traballadora social Sabela Salgueiro invitará a unha reflexión colectiva sobre o tema este xoves 18 ás 17.30 h na Liga

As palabras tamén constrúen realidades e, ás veces, perpetúan desigualdades invisibles. Por este motivo, o Concello do Rosal pecha a programación anual dos Cafés en Igualdade cun novo encontro que invitará á reflexión colectiva sobre unha práctica cotiá tan normalizada como controvertida: o piropo.

A cita será este xoves 18 de decembro, ás 17.30 horas, na Liga da Praza do Calvario, nun encontro gratuíto e aberto á participación da veciñanza no que a traballadora social especializada en saúde, sexualidade e xénero Sabela Salgueiro afondará sobre ‘O piropo. Comentarios positivos ou acoso’.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “os Cafés en Igualdade permiten achegar debates complexos á vida diaria da xente, dun xeito sinxelo e ameno e desde o respecto e a escoita. Falar dos piropos é falar de límites, de consentimento e de como nos relacionamos no espazo público”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou que “estes encontros son fundamentais para cuestionar comportamentos que durante anos se deron por feitos e que hoxe a sociedade xa vai interiorizando como un síntoma máis de desigualdade. Crear espazos seguros para falar disto é unha responsabilidade das administracións públicas”.

Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais que abordan cuestións de actualidade desde diferentes perspectivas, coa vontade de achegarse ás situacións reais que vive a cidadanía e promover unha reflexión compartida. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

Con esta última cita do ano, o Concello do Rosal continúa revolucionando mentes e reafirmando o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e igualitaria, na que o diálogo e a conciencia colectiva sexan ferramentas clave para avanzar en igualdade.

Publicacións Relacionadas