HomePontevedraBaixo MiñoO Nadal soa a maxia no Rosal co último gran concerto do...

O Nadal soa a maxia no Rosal co último gran concerto do ano

- Anuncio -spot_img

A Agrupación Musical do Rosal despide 2025 cun grande espectáculo familiar inspirado en ‘Sherezade. As mil e unha noites’ este domingo 21 de decembro ás 19 h no auditorio

Hai historias que só poden contarse con música, luz e emoción. Estas festas O Rosal volverá deixarse levar por unha delas da man da Agrupación Musical do Rosal e do seu tradicional Concerto de Nadal, que converterá este domingo 21 de decembro o auditorio municipal nun escenario cheo de maxia cunha proposta que pecha o ano cultural cunha viaxe sonora e teatral inspirada en Sherezade. As mil e unha noites’.

O concerto, que dará comezo ás 19.00 horas con apertura de portas ás 18.30 h, ofrecerá ao público unha experiencia única pensada para todas as idades. Sobre o escenario estarán os actores Josito Porto, María Domínguez e Davide González, acompañados pola Banda da Agrupación Musical do Rosal e polo Coro da Escola de Música, baixo a dirección de Javier Alonso Pérez.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor desta cita cultural como un dos momentos máis especiais do ano no municipio. “Este concerto é moito máis que unha actuación musical, é unha experiencia compartida que nos une como pobo e que reflicte o enorme talento e dedicación da Agrupación Musical do Rosal. Pechamos o ano cun espectáculo que emociona, ilusiona e fai comunidade”, sinalou.

As entradas xa están dispoñibles con diferentes modalidades: a rapazada da Escola de Música poderá acceder de balde, retirando previamente a entrada na oficina; as persoas socias contan con entrada anticipada a 3 euros (máximo dúas por persoa); o público xeral poderá adquirir entradas anticipadas por 5 euros, tanto na oficina da Agrupación como en Milar Tele-Son, ou ben en liña a través da plataforma Vivetix. O prezo na billeteira será de 6 euros.

Publicacións Relacionadas