HomeXunta de GaliciaA Xunta convoca por 1 m€ dúas ordes de axudas para previr...

A Xunta convoca por 1 m€ dúas ordes de axudas para previr os danos da fauna silvestre e para contratar persoas que protexan o gando dos ataques do lobo

- Anuncio -spot_img
  • Haberá achegas para medidas preventivas como a adquisición e mantemento de cans defensores ou a compra de pastores eléctricos e cerrumes de malla electrificada
  • A segunda liña de subvencións publicada hoxe vai dirixida a contratar persoas coidadoras do gando, cun límite de 16.500 euros por explotación beneficiaria

A Xunta de Galicia convocou hoxe dúas das súas ordes de axudas destinadas a previr os danos que provocan o lobo, o oso e o xabaril no sector agrogandeiro galego por un orzamento global de 1,03 millóns de euros. En ambos casos, estes incentivos poderán pedirse a partir de mañá, 17 de decembro, e o prazo de solicitude permanecerá aberto durante un mes.

En concreto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre no ano 2026.

Convocada por un importe global de 460.000 euros, o orzamento distribúese en tres liñas: 325.000 para medidas fronte ao lobo (adquisición e mantemento de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada); 125.000 euros para prevención de danos do xabaril (neste caso, para a compra de pastores electrónicos); e 10.000 euros no caso do oso (tamén para pastores).

Poderán optar a estas achegas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia, de explotacións apícolas asentadas en concellos zona oseira e área de influenza e persoas que exerzan a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) así como propietarios de explotacións destinadas a autoconsumo.

O importe máximo das axudas para a adquisición dos cans protectores e defensores do gando, así como os gastos da súa identificación non excederá de 300 euros por animal e, no caso de gastos de mantemento, de 200 euros.

No caso de que a subvención solicitada sexa para comprar pastores eléctricos, poderase cubrir a totalidade do seu custo de adquisición, ata un máximo de 3 pastores por explotación e cun importe de ata 600 euros por beneficiario.

Finalmente, no que respecta aos cerrumes móbiles de malla electrificada, os solicitantes tamén poderán pedir axudas para cubrir o 100% do seu custo, cun límite neste caso de 100 euros por malla de 50 metros, ata un máximo de 8 mallas por explotación.

Así mesmo, hoxe tamén se publica no DOG a orde de axudas para contratar persoas coidadoras do gando, unha liña que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou por primeira vez no ano 2023 e a través da cal os gandeiros poden acceder a unha subvención de ata 16.500 euros e solicitar o pago dun anticipo de ata o 50% do importe concedido. O orzamento total asignado a esta convocatoria en 2026 ascende a 567.750 euros.

Dirixida a titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no REGA, a través desta orde subvencionarase a inversión realizada na contratación dunha persoa coidadora do gando, limitada a un coidador por solicitante.

O importe da axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables aínda que se fixa un límite de 16.500 euros por beneficiario. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa.

Por último, cómpre lembrar que estas dúas ordes de axudas se enmarcan no paquete de subvencións para apoiar ao sector primario na implantación de medidas de prevención ante os ataques e danos causados pola fauna silvestre. A terceira e última orde que convocará a Xunta de cara a 2026 con este obxectivo ten como fin sufragar os custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención fronte ao lobo e a súa convocatoria está prevista para as vindeiras semanas.

Publicacións Relacionadas