HomePontevedraCaldasGarcía sobre a EDAR: “26.400 euros son un parche de feira para...

García sobre a EDAR: “26.400 euros son un parche de feira para unha instalación que leva dous anos pedindo socorro”

- Anuncio -spot_img

O portavoz socialista cualifica de “neglixencia institucional da gorda” a xestión que levou á depuradora de BOA a MOI DEFICIENTE en menos de dous anos

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Catoira, Alberto García, anunciou hoxe que solicitará ao goberno local información detallada sobre as actuacións previstas na EDAR municipal tras o requirimento de Augas de Galicia e as tres sancións acumuladas por non corrixir as deficiencias detectadas, “coma quen colecciona cromos pero dos caros”.

García mostrou o seu estupor ante o anuncio dun investimento de 26.400 euros, cantidade que, sendo xenerosos, cualificou como “un parche de feira para unha instalación que leva dous anos pedindo socorro”. O portavoz socialista non escatimou en ironía ao preguntarse se o alcalde, ao que define como “malabarista financeiro profesional con tendencia ao ilusionismo contable”, pretende aplicar á depuradora a mesma receita máxica que á liquidación orzamentaria: “darlle voltas e máis voltas ata que o déficit de 419.000 euros desapareza por arte de maxia… ou polo menos que quede disimulado”. Indica que a reparación da EDAR precisa un orzamento que ronde os 200.000 euros e pregúntase de onde te previsto sacalos.

Dous anos de caída libre: de BOA a MOI DEFICIENTE
O portavoz socialista subliñou que a EDAR funcionaba con exemplaridade baixo o anterior goberno, pero o actual executivo levouna a un estado crítico “por pura deixadez”. García citou textualmente o informe remitido por Augas de Galicia ao Concello: “É moi destacable que a evolución na valoración da explotación da EDAR de Catoira pasou en menos de dous anos de BOA a MOI DEFICIENTE” e engadiu “hai que reconocerlle o mérito: non é doado destruir en dous anos o que levou décadas construir”.

“Isto non é un descoido: é neglixencia institucional. E da gorda”, sentenciou García, quen lembrou que o Concello xa acumula tres sancións, como medallas olímpicas da incompetencia, por manter equipos avariados durante meses “mentras o Ulla se converte no sumidoiro particular do goberno local”.

“Botando balóns fóra… pero sen porterías”
Con evidente retranca, García cualificou de “case entrañable se non fose patético” o intento do alcalde de culpar ao persoal municipal da sanción de Augas de Galicia. “Aquí non hai balóns fóra que valgan. As responsabilidades son políticas. Se un se pon ao fronte dun

Concello, o mínimo é saber xestionar e ter un pouco de sensibilidade ambiental. Ou polo menos aparentala”, ironizou.

O silencio cómplice do “ecoloxismo de conveniencia”
Para o portavoz socialista, a situación actual evidencia “a nula sensibilidade ambiental do alcalde e da súa concelleira responsable”, quen ademais é portavoz do colectivo ecoloxista local. “Resulta incomprensible que quen se presentaba como defensora do medio ambiente garde silencio agora que os verquidos chegan directamente ao Ulla”, denunciou García. “Cando a depuradora funcionaba ben, a preocupación era constante; hoxe, ante un atentado ambiental evidente, non se escoita nin unha soa denuncia. Iso si que é ecoloxismo… de conveniencia”, rematou con acidez o portavoz socialista.

Publicacións Relacionadas