HomeXunta de GaliciaO Instituto Galego de Estadística reforzará en 2026 a análise ambiental e...

O Instituto Galego de Estadística reforzará en 2026 a análise ambiental e das políticas públicas e a información empresarial

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, presidiu o Pleno do Consello Galego de Estatística
  • Na reunión informouse do Programa Estatístico para o vindeiro ano, que recolle  165 estatísticas relativas ao territorio, á poboación, á sociedade, á estrutura produtiva e á tecnoloxía

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia e director do Instituto Galego de Estatística (IGE), Juan Carlos Reboredo, presidiu esta mañá o Pleno do Consello Galego de Estatística, no que se informou do proxecto de Decreto do Programa Estatístico para o ano 2026, que inclúe entre as súas novidades as novas liñas estratéxicas orientadas a avanzar na análise medioambiental, a reforzar o apoio estatístico na avaliación das políticas públicas e a mellorar a información empresarial no territorio

Este Programa Estatístico, o derradeiro do Plan Galego de Estatística 2022-2026, recolle 165 estatísticas relativas ao territorio, á poboación, á sociedade, á estrutura produtiva e á tecnoloxía, con resultados que amplían a oferta informativa achegada polos sistemas estatísticos español e europeo. Ademais, inclúe 60 actuacións de interese estatístico, entre as que figura o uso da intelixencia artificial na elaboración da estatística pública e para un uso máis analítico e preditivo das fontes básicas de información estatística do IGE. 

Na reunión tamén se aprobou a Memoria sobre a actividade da organización estatística galega durante o ano 2024 e informouse de que o Consello Galego de Estatística deberá reunirse no ano 2026 para informar o anteproxecto de Lei dun novo Plan Galego de Estatística para o período 2027-2031, instrumento que ordenará e planificará a estatística galega durante este período de tempo. Así mesmo, informouse de que se está a traballar na redacción dun novo Estatuto do Instituto Galego de Estatística, para adaptalo tanto a nova Lei de estatística como á nova adscrición do IGE.

O Consello Galego de Estatística é o máximo órgano consultivo da estatística galega, no que están representadas as administracións públicas, as universidades, os axentes sociais e profesionais da estatística.

Para reforzar a pluralidade e independencia deste Consello, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2026 modifícase a súa composición, incrementando o número de persoas de relevancia profesional no campo da estatística de tres a oito, sen diminuír o número de entidades representadas.

Publicacións Relacionadas