HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia que Caballero continúa a aumentar as subvencións...

O BNG de Vigo denuncia que Caballero continúa a aumentar as subvencións públicas á Igrexa Católica

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista esixe que deixe de destinar recursos do Concello a financiar unha confesión relixiosa: 640.000 euros este 2025, a metade do que destina a axudas sociais

O proxecto de orzamentos municipais recolle outros 288.000 euros para o ano 2026

Xabier P. Igrexas: “Estas prácticas lembran a etapas predemocráticas que van en contra dun marco acofensional e da necesaria separación entre Igrexa e institucións públicas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno de Abel Caballero continúa a aumentar as subvencións pública destinadas á Igrexa Católica. A fronte nacionalista revela que a Diócese Tui-Vigo recibiu ou ten comprometidos este ano 640.000 euros do Concello de Vigo, en base a cinco convenios destinados a financiar actos de carácter relixioso, como procesións e actividades de Semana Santa, e para actuacións sobre o patrimonio propiedade da Igrexa Católica.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esixiu que o Concello deixe de destinar recursos públicos a financiar unha confesión relixiosa por considerar que é “contrario a un marco aconfesional e á necesaria separación entre Igrexa e institucións públicas nunha democracia plena”. Advertiu a ese respecto da pretensión do Goberno local de Caballero de seguir a dedicar diñeiro público a este fin nos orzamentos de 2026, onde se recollen partidas por valor de 288.000 euros.

Igrexas destacou que as subvencións á Igrexa Católica durante este ano equivalen á metade do que o Concello de Vigo destinou a axudas sociais e representan case o 60% do que dedicou ao Plan Municipal de Emprego. “Un comportamento que lembra máis a etapas predemocráticas”, lamentou, asegurando que “demostra a falla de criterio” do Goberno local á hora de decidir o destino do “diñeiro de todas as viguesas e vigueses”.

“O BNG esiximos que finalice esta política de financiar con inxentes cantidades de recursos públicos de toda a cidade para actos e actividades que unicamente teñen un carácter relixioso”, demandou o portavoz nacionalista. “Respectando o dereito das persoas crentes, hai que respectar tamén ás moitas veciñas e veciños que non teñen crenzas relixiosas”, engadiu.

Opacidade coas axudas

Así, dende a fronte nacionalista estiman que o Concello de Vigo entregou, de forma directa ou indirecta, arredor de 1,5 millóns de euros públicos á Igrexa Católica durante o último lustro. Igrexas lamentou porén a “opacidade” do Goberno municipal con estas partidas, reiterando a demanda de facer públicas todas as axudas e colaboracións coa Diócese Tui-Vigo, tal como lle demandou o Bloque en maio de 2024.

O portavoz municipal do BNG cuestionou tamén outros beneficios municipais para a Igrexa Católica, como permitir que non pague o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) sobre as propiedades que non están destinadas ao culto, como parcelas, vivendas, garaxes ou baixos comerciais. “Un trato de favor inxusto e incomprensíbel”, valorou, lembrando que os centros culturais, as asociacións veciñais e locais sociais xestionados por entidades sen ánimo de lucro teñen que facer fronte a este e a outros impostos municipais.

Publicacións Relacionadas