O Bloque Nacionalista Galego continuou este 16 de decembro en Carreira o seu calendario de encontros abertos coa veciñanza dentro da iniciativa Parroquias con voz, unha serie de reunións pensadas para achegar a política municipal ao á veciñanza e escoitar directamente as súas demandas. Esta terceira xornada volveu rexistrar unha asistencia moi destacada, consolidando o interese por participar.
O encontro serviu para facer balance da xestión desenvolvida ao longo dos últimos dous anos e medio, así como para explicar de forma detallada os investimentos executados e aqueles que quedaron programados. Ao mesmo tempo, a veciñanza tivo a oportunidade de trasladar propostas concretas e demandas que afectan ao seu día.
O portavoz municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, estivo acompañado por concelleiras do grupo municipal e pola responsable local do BNG. Durante a súa intervención puxo en valor a implicación da veciñanza de Carreira, destacando que “a participación demostra que hai interese e comproiso coa mellora da parroquia”. Subliñou tamén a importancia de manter espazos de diálogo directo como este, que permiten “explicar con transparencia o traballo feito e construír propostas dende abaixo”.
Durante a xuntanza tamén abordáronse varios temas como a necesidade de mellorar a seguridade e a ordenación viarias, estacionamentos ou a mellora de infraestruturas públicas foron algunhas das cuestións nas que habería que actuar segundo opinión dos veciños e veciñas.
1.300.000 euros para Carreira
Remate do centro social despois de 14 anos
Dotación de auga potable, pluviais e pavimentación da Capela 131.000€
Renovación do parque Parte ao Río e cubrición parque campo da festa 180.000€
Renovación da liña de abastecemento na DP-7305 134.000€
Dotación de saneamento, abastecemento auga e pavimentación en Frións 154.000€
Pavimentación camiño Mámoa-Laxes 56.000€
Pavimentación Vilar-Vixán 106.000€
Casa acollida A Garita Carreira 172.000€ e 23.000€ para mobiliario
Renovación iluminación no campo de fútbol A Guía 15.000€
No transcurso da reunión tamén se fixo un repaso polo conxunto de investimentos executados na parroquia, que superan o 1,3 millóns de euros. Actuacións largamente demandadas, como a finalización do centro social tras máis de 13 anos de espera, melloras en abastecementos, saneamento, pavimentacións ou a renovación de espazos públicos e deportivos, forman parte dun balance que o BNG cualifica de moi positivo.
Ademais, Pérez Barral explicou que quedaron preparados e con financiamento asegurado novos proxectos que permitirán continuar mellorando Carreira nos próximos meses. Entre eles destacou a intervención prevista en Parte ao Río con renovación de redes e pavimentación que suporá un investimento de 79.000€, ou a reforma da grada do campo de fútbol da Guía, cun investimento de 260.000€.
“Fixéronnos unha moción de censura a pesar de que a xente estaba contenta cun goberno que funcionaba” explicou Pérez Barral para subliñar que “fronte a débeda de 13 millóns de euros que nos deixou o PP, o BNG deixa traballo feito con proxectos redactados e orzamento preparado para seguir mellorando as parroquias”, subliñou.
“O apoio que estamos recibindo da veciñanza é moi grande e maioritario, e iso dános moito ánimo para seguir adiante. A xente segue confiando no noso traballo e na nosa maneira de facer política, próxima e honesta. Ese respaldo é o que nos impulsa a continuar a pé de rúa, falando coa xente, escoitando e defendendo día a día as necesidades das parroquias”, finalizou o portavoz do BNG.



