HomeA CoruñaCOGAMI lanza unha campaña para achegar o seu servizo de Emprego á...

COGAMI lanza unha campaña para achegar o seu servizo de Emprego á xuventude con discapacidade en Galicia

- Anuncio -spot_img

A campaña pretende conectar coas 10.433 mozas e mozos galegos con certificado de discapacidade.

En Galicia hai 10.433 persoas novas que teñen o certificado de discapacidade na nosa Comunidade: 6.410 mozos e 4.023 mozas con idades de entre 16 e 29 anos, segundo datos da Xunta de Galicia.

A día de hoxe, o servizo de Emprego de COGAMI conta cunha bolsa de 17.058 persoas inscritas que teñen o certificado de discapacidade e/ou de incapacidade laboral. Dentro desta bolsa, 895 son mozas e mozos menores de 30 anos, o que representa un 5% do total. Destas, o 61% son mozos e o 39% mozas.

Para chegar a toda esa mocidade que aínda non coñece os recursos de COGAMI, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade pon en marcha unha campaña de difusión dirixida especificamente ás persoas máis novas. O obxectivo é dar a coñecer todas as oportunidades que teñen ao seu alcance: información, asesoramento, orientación laboral, formación para o emprego, ademais de contacto con empresas e acceso ás ofertas laborais dos dez centros especiais de emprego de iniciativa social de COGAMI Empresarial, que operan en sectores como reciclaxe e medio ambiente, retail téxtil, artes gráficas, automoción, alimentación, consultaría, transporte de persoas e servizos.

“Queremos achegarnos ao grupo de poboación de xente nova para que nos coñeza, para trasladarlles as oportunidades laborais que temos e apoialas durante o proceso de incorporación ao mercado laboral”, explica Mª Carmen Ínsua, coordinadora do servizo de Emprego, quen apunta que “Queremos que vexan a COGAMI como unha opción na busca de emprego”.

A distribución territorial das persoas novas inscritas mostra que a oficina da Coruña concentra o maior volume, o 24% do total. Séguenlle Santiago (18%), Pontevedra (16%), Ferrol (14%), Vigo (13%), Ourense (10%) e Lugo (5%).

En canto ao grao de discapacidade, o 80% das mozas e mozos inscritos (715 persoas) teñen un grao de discapacidade comprendido entre o 33% e o 64%, mentres que o 20% presenta un grao igual ou superior ao 65%.

Respecto ao nivel formativo, 221 persoas novas inscritas na bolsa de emprego de COGAMI (25%) teñen estudos de ESO; 122 (14%) cursaron un ciclo formativo de grao medio; 83 (9%) contan con grao superior; 62 (7%) teñen bacharelato; 40 persoas (4%) posúen formación universitaria. O resto, 366 mozas e mozos (41%), carecen de estudos.

“O grupo social formado por persoas con discapacidade entre 16 e 29 anos é máis vulnerable porque se sente excluído por falta de oportunidades laborais, formativas  ou de acceso á vivenda, o que lle impiden poder ter un pleno desenvolvemento persoal e de benestar”, segundo indica Mari Carmen Ínsua.

Esta campaña de difusión levarase a cabo en diferentes facultades da Universidade de Santiago de Compostela e tamén a través das redes sociais. A iniciativa conta coa colaboración do alumnado de Xornalismo, que presenta o seu traballo fin de curso, unha sinerxía que permite a COGAMI achegarse de maneira directa á mocidade e reforzar a difusión do seu Servizo de Emprego.

Publicacións Relacionadas