Marga Caldas lamenta a xestión económica desordenada do PP, pois boa parte dos cartos serán para pagar facturas pendentes
A voceira nacionalista subliña a moi deficiente prestación de servizos á veciñanza
O BNG de Poio vén de criticar que o Concello de Poio está a acumular un “tren de préstamos”. Segundo advirte o grupo nacionalista, o goberno de Moldes ten previsto solicitar un novo crédito por valor de 823.467 euros que destinará en boa parte a pagar facturas pendentes. A xuízo da voceira Marga Caldas, isto supón a confirmación da “lamentable e desordenada” xestión económica de Ángel Moldes, da ausencia de proxectos de futuro para Poio, así como dos servizos deficientes do goberno do PP.
Para o BNG a nova operación de endebedamento prevista polo Partido Popular supón unha clara contradición coa política económica que defendía cando estaba na oposición, cando subliñaba que pedir cartos era “irresponsable”. Caldas destaca que, pola contra, Moldes agora fai uso das operacións financeiras “unha tras doutra” como recurso continuado para tapar os desaxustes da súa xestión.
Neste sentido, subliña que na memoria de investimentos dos orzamentos de 2026 recóllese que o novo crédito será necesario para poder afrontar o financiamento de 178.487 euros de facturas de investimentos pendentes. Tamén se inclúe nese préstamo o pago da anualidade correspondente do ‘Proxecto de abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría ‘ de ACUAES, un investimento que, a xuízo da nacionalista, tampouco debería necesitar de financiamento externo, xa que o Concello está a recadar máis cartos ca nunca pois aínda non fixo efectiva a rebaixa do IBI “tantas veces anunciada, pero que aínda non se notou nos petos da xente”.
Segundo Caldas, resulta inaceptable que Moldes venda que amortiza créditos anteriores cando, na realidade, o que fai é liberar capacidade de endebedamento para poder volver pedir outros préstamos e “tapar buratos”. Así mesmo, critica que o Concello incremente a débeda municipal sen mellorar os servizos para a veciñanza: a voceira do Bloque destaca que o PP ten moitas “tarefas pendentes” na limpeza viaria, na recollida de lixo, no mantemento de espazos públicos, entre outros, algo que “co BNG sempre estivo moi coidado”. “Agora eses servizos ou están desatendidos ou son deficitarios, con queixas constantes”, insiste.
O Bloque destaca que a xestión económica de Poio está a “dar bandazos” cunha grande falta de planificación. Subliña que o Concello acumula xa catro préstamos cunha total improvisación no gasto e advertencias do servizo de Intervención por irregularidades ao realizar actuacións sen contrato previo e sen ter dispoñibles os cartos necesarios. “Na xestión económica de Moldes hai vicios, carencias e defectos. Que queira presumir de política económica é o mundo ao revés”, finaliza.
O grupo nacionalista subliña a necesidade de realizar investimentos e proxectos como os das pistas de Monte Baldío e a mellora da estrada Pédaporta-Combarro. “Son os únicos proxectos de futuro que prevé acometer o Concello segundo o anexo de investimentos de 2026”, lamenta Caldas, que solicita máis proxectos reais para atender as demandas da veciñanza.



