HomeA CoruñaAGAPI recibe o XIV Premio José Sellier polo seu papel pioneiro no...

AGAPI recibe o XIV Premio José Sellier polo seu papel pioneiro no desenvolvemento do audiovisual galego

- Anuncio -spot_img

Gonzalo Castro: “Os Premios Sellier constitúen un fito no audiovisual do noso país, que atopa na Coruña o referente indiscutible”

A cidade da Coruña acolleu este luns no Espacio Avenida o acto de entrega do XIV Premio José Sellier, que a Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña, outorga anualmente a figuras ou entidades destacadas no eido audiovisual. Nesta edición, o recoñecemento foi para a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), pola súa traxectoria pioneira, vertebradora e determinante na consolidación do sector audiovisual galego ao longo de máis de trinta anos.

O evento contou coa participación da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o presidente de AGAPI, Felipe Lage; a xerente da entidade, Uxía Caride; e Alfredo Sellier, descendente do cineasta ao que se dedica o galardón.

Durante a súa intervención, o concelleiro Gonzalo Castro sinalou que “os Premios Sellier constitúen un fito no audiovisual do noso país, que atopa na Coruña o referente indiscutible” e engadiu que “a concesión do premio a AGAPI recoñece unha labor fundamental na construción do ecosistema audiovisual galego”. Castro puxo en valor tamén o papel do Goberno de Inés Rey na promoción de políticas culturais que fortalecen sectores estratéxicos como o audiovisual.

A presidenta da Academia, Lucía Veiga, destacou que AGAPI “non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente”, actuando como motor con visión estratéxica e cun compromiso sostido co país, coa cultura e cunha industria que hoxe é referencia creativa e identitaria.

Desde a súa fundación en 1994, AGAPI foi precursora do tecido audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como misión a defensa dos intereses das produtoras independentes e a promoción de políticas que favorezan unha industria galega competitiva, sustentable e con capacidade de internacionalización. Entre os seus fitos destacan a creación dos Premios AGAPI, embrión dos actuais Premios Mestre Mateo, o impulso ao Clúster Audiovisual Galego (CLAG), ou a primeira participación conxunta de produtoras galegas no MIPCOM de Cannes, en 2004.

O Premio José Sellier, promovido pola Academia co apoio do Concello, honra a memoria do cineasta José Sellier Loup (1850–1922), pioneiro do cinema en España e autor das primeiras películas datadas do país, rodadas na Coruña en 1897. O trofeo, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumière coa que Sellier realizou aquelas gravacións pioneiras.

Publicacións Relacionadas