HomeA CoruñaA Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da...

A Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña celebran esta fin de semana os seus concertos especiais de Nadal

- Anuncio -spot_img

A OSG ofrecerá o venres un recital que inclúe cancións de películas, mentres que a BMMC interpretará o domingo no Teatro Colón ‘Conto de Nadal’, de Paula Carballeira

Esta fin de semana a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña celebrarán os seus concertos especiais de Nadal, presentes na programación municipal destes festexos. “Estas iniciativas están xa consolidadas como propostas culturais de referencia nestas datas e desde o Concello traballamos para que a música clásica e sinfónica estea presente en diferentes programas municipais ao longo do ano”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá o vindeiro venres o seu tradicional Concerto Extraordinario de Nadal, unha das citas máis destacadas da súa programación anual e un dos concertos con maior acollida por parte do público. O concerto será ás 20.00 horas no Palacio da Ópera e as entradas atópanse practicamente esgotadas.

Baixo a dirección de Roberto González-Monjas director titular da OSG, o concerto propón un percorrido musical especialmente pensado para o período do Nadal, combinando grandes títulos do repertorio clásico con música de cinema de enorme popularidade, nun programa concibido para todos os públicos. O programa inclúe obras de George Bizet, pezas das películas de ‘Harry Potter’ de John Williams e cancións típicas do nadal da película ‘Só en casa’, coa participación do Coro Novo e Coro de Nenos.

Por outro lado, a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá este domingo no Teatro Colón, ás 12.15 horas e con entrada de balde ata completar capacidade, o seu concerto especial de Nadal. Trátase dunha adaptación ao galego de Paula Carballeira da obra ‘Conto de Nadal’, de Charles Dickens. Será unha proposta familiar que contará con Juan Miguel Romero á dirección da BMMC.

A narración da historia farase tamén a través de composicións musicais con referentes anglófonos como panxoliñas, cancións populares, e as pezas de Holst, ademais de composicións de Grieg, Orff ou Sibelius. Esta historia de pantasmas cóntanos o que lle aconteceu ao señor Scrooge, que dedicou todas as súas forzas a buscar a riqueza sen decatarse de que a súa vida se volvía cada vez máis triste e solitaria, ata que, un Nadal, recibiu unha visita inesperada.

A programación musical de Nadal englóbase dentro do amplo abano de actividades culturais e de ocio presentado por Inés Rey en novembro, e que converte á cidade nun referente en Galicia pola calidade e variedade das súas propostas.

Publicacións Relacionadas