— A novena edición desta iniciativa reunirá seis figuras da elite mundial do ilusionismo, entre elas a lenda Juliana Chen, primeira muller en gañar o Gran Premio FISM na especialidade de manipulación
— A xira desenvolverase do 20 de decembro de 2025 ao 11 de xaneiro de 2026 con paradas no Grove, Pontevedra, Cangas, Vigo, A Coruña, Narón, Viveiro, Verín, Lugo, Ourense, Vilalba, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela
O festival internacional de ilusionismo Galicia Magic Fest presentou hoxe na Cidade da Cultura a súa novena edición que, co apoio do Goberno galego, reunirá as actuacións de seis figuras vencelladas á elite mundial da maxia e do ilusionismo. A primeira gala será o 20 de decembro no Grove e o encontro percorrerá despois outras 12 localidades galegas ata o 11 de xaneiro de 2026, combinando escenarios de grande formato con auditorios de vilas e cidades das catro provincias.
No acto, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, puxo en valor o potencial deste tipo de eventos para atraer público familiar e de todos os perfís a través da linguaxe universal da maxia, ademais de recoñecer a alta calidade dos artistas galegos dedicados ao xénero en Galicia. Tamén felicitou o impulsor do espectáculo, o mago pontevedrés Pedro Volta, polo seu traballo como emprendedor e promotor cultural e pola excelencia dos referentes internacionais que forman a proposta desta edición do festival.
Diferentes especialidades
O Galicia Magic Fest tense consolidado como unha das citas máis esperadas das festas do Nadal e articúlase arredor dunha gala que reúne artistas internacionais mundialmente recoñecidos. Trátase dun formato pensado para todos os públicos, cunha proposta que explora diferentes especialidades dun xénero milenario, desde as grandes ilusións ata a micromaxia, pasando pola maxia cómica, a manipulación, o mentalismo e outras variantes que contribúen a ofrecer unha experiencia completa e diversa.
A programación desta novena edición está encabezada por Juliana Chen (Canadá/China), Sang Soon Kim (Corea do Sur), Stuart MacDonald (Estados Unidos), Mirko Callaci (Arxentina) e Julius Frack (Alemaña), xunto a Pedro Volta como anfitrión e alma do festival. Conta tamén co selo creativo do ilusionista francés Enzo Wayne, quen participa como asesor artístico e cuxas creacións estarán presentes na gala, achegando unha colaboración singular que, segundo se avanzou, permite ver en Galicia ilusións que deixaron pegada en grandes escenarios internacionais.
Juliana Chen, primeira gañadora do Bordón Dourado
Como novidade, o festival anunciou a creación do premio Bordón Dourado, deseñado para recoñecer a traxectoria profesional dunha lenda do ilusionismo e reforzar o vínculo do Galicia Magic Fest coa excelencia artística. O galardón entregarase o 28 de decembro no Teatro Colón da Coruña á artista convidada desta novena edición, Juliana Chen, primeira muller na historia en gañar o Gran Premio FISM na especialidade de manipulación e referente mundial que inspirou xeracións de profesionais da maxia.
A xira arrincará no Auditorio Municipal do Grove o 20 de decembro para continuar ao día seguinte no Auditorio Afundación de Pontevedra e pasar tamén polo Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas de Morrrazo (día 23), antes de seguir por Vigo (Teatro Afundación, día 26), A Coruña (Teatro Colón, días 27 e 28), Narón (Pazo da Cultura, día 29), e Viveiro (Teatro Pastor Díaz, día 30). Xa en xaneiro, o Galicia Magic Fest visitará Verín (Auditorio Municipal, día 2), Lugo (Auditorio Municipal, día 3), Ourense (Auditorio Municipal Gustavo Freire, día 4), Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray, día 6), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, día 9) e dous pases finais no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, que terán lugar os días 10 e 11 de xaneiro. Todas as localidades están xa á venda na plataforma dixital ataquilla.



