HomeA CoruñaA Rolda Peonil avanza pola Sagrada Familia, coa finalización da primeira fase...

A Rolda Peonil avanza pola Sagrada Familia, coa finalización da primeira fase das obras e a adxudicación da segunda

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Inés Rey, informou da adxudicación dos traballos, que permitirán dar continuidade ao proxecto para conectar os parques de San Diego e do Observatorio, a través dos barrios

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou investimentos no Ventorrillo, o Barrio das Flores e a segunda fase de Elviña

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos novos avances no proxecto da Rolda Peonil, que terá continuidade pola Sagrada Familia tras a adxudicación das obras de humanización correspondentes ao segundo treito da rúa homónima e tamén de Antonio Carballo, cun investimento dun millón de euros.

Os traballos, que executará a empresa Construcciones Cernadas, permitirán estender a Rolda Peonil xa en dirección ao barrio da Agra do Orzán, co obxectivo de conectar este percorrido co parque do Observatorio.

Na rolda de prensa desta mañá, posterior á Xunta de Goberno Local, Inés Rey apuntou ao impacto positivo deste trazado peonil ao seu paso por barrios como A Gaiteira, Catro Camiños e Os Mallos, “onde non só se gañou superficie para o paso das persoas, senón tamén accesibilidade universal, máis espazos de lecer e máis visibilidade para o pequeno comercio”.

É precisamente a dinamización deste último o que impulsa as melloras previstas na Sagrada Familia, onde xa son visibles as actuacións do primeiro treito que se humanizou, entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, con máis de 2.200 m² de superficie peonalizada, novas áreas verdes e arboredo, así como novo mobiliario urbano.

As obras do primeiro parque infantil cuberto da cidade, adxudicadas

Tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de remodelación do parque infantil lindeiro á escola infantil municipal do Ventorrillo, que se converterá na primeira instalación deste tipo cunha cuberta integral, co obxectivo de protexer ás crianzas e ás súas familias das inclemencias meteorolóxicas.

A alcaldesa cifrou en máis dun millón de euros o investimento previsto, que executará a empresa Jardinería Arce e que, ademais de permitir a ampliación do parque, que practicamente duplicará a súa capacidade, tamén gañará accesibilidade e incorporará novos xogos inclusivos e adaptados.

O prazo para completar os traballos de renovación do parque infantil serán de nove meses, a contabilizar desde a posta en marcha das obras.

Melloras de accesibilidade na parte sueste do Barrio das Flores

Ademais, hoxe tamén se adxudicaron os traballos de mellora que acometerá o Concello no espazo sueste do Barrio das Flores, concretamente nunha superficie de máis de 5.300 metros cadrados entre as rúas Petunias e Azucenas.

As obras, asignadas á UTE Success Infraestructuras y Servicios e Construcciones

Leonardo Míguelez, permitirán remodelar os espazos de paso peonil para garantir que os cambios de nivel sexan o máis suaves posibles para o paso da veciñanza, e facilitarán ao máximo o acceso ás vivendas desde a rúa Petunias e salvarán os desniveis que existen na rúa Azucenas.

A planificación prevista inclúe a instalación dun novo ascensor que permitiría comunicar, de forma vertical, dúas plataformas de acceso a vivendas con alturas diferenciadas. Ademais, renovarase o parque infantil que hai no centro da praza e haberá melloras na rede de saneamento e de iluminación pública, para facelas máis eficientes.

O investimento previsto é de algo máis dun millón de euros.

O Plan de barrios 2025-27 avanza cara á segunda fase de Elviña

Seguindo cos investimentos incluídos na primeira fase do Plan de barrios 2025-27, o

Concello actuará proximamente na segunda fase do barrio de Elviña, onde se humanizará a praza Manuel Guitián, coas obras xa adxudicadas.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a asignación destas á empresa Construcciones Cernadas. Cun investimento de 609.000 euros, o Concello busca gañar superficie peonil e seguridade viaria na contorna das vivendas da praza, e tamén facer máis sinxelo o tránsito das persoas.

Entre as accións previstas está renovar os pavimentos, tanto das beirarrúas, que serán ampliadas, como da calzada, e visibilizar os espazos de estacionamento con materiais diferenciados. Ademais, elevarase o paso peonil no acceso á praza, onde se disporán máis exemplares de arboredo, o que favorecerá a creación de espazos de sombra e máis frescos, con mobiliario urbano. Tamén se renovarán a iluminación da praza e as infraestruturas de saneamento.

Novos contedores para recoller aceite e material téxtil

Seguindo con novos investimentos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso da subministración de 300 contedores: 120 destinados a recoller aceites de orixe doméstica e outros 180 para recoller material téxtil.
“Son contedores de última xeración, dotados dun sistema de apertura mediante tarxeta e que tamén contan con sensores de capacidade, fundamentais para gañar eficiencia no depósito de residuos e tamén na súa recollida”, indicou a alcaldesa.

O investimento previsto é de 774.000 euros, unha partida orzamentaria que conta con financiamento de fondos europeos.

Novo pulo á Cidade das TIC

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a transferencia da primeira partida orzamentaria comprometida polo Concello para promover a rehabilitación dos edificios cedidos á UDC para o desenvolvemento da Cidade das TIC, así como para as obras de urbanización nos seus arredores.

O convenio coa UDC foi ratificado no Pleno de xuño deste ano, coa previsión de que o Concello leve a cabo un investimento de 11,2 millóns ata o ano 2028, dividido por anualidades. Agora, farase efectivo o primeiro dos pagos, de 500.000 euros. E xa a partir do 2026, ano tras ano, farase o propio con 3,5 millóns por exercicio.

O Plan especial do parque de Oza, a trámite ambiental

Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á solicitude do inicio do trámite de avaliación ambiental con respecto ao plan urbanístico especial previsto nos soares que hai na parte superior do parque de Oza, no barrio do Castrillón.
“Foron meses intensos e de moito diálogo entre Concello, Xunta de Compensación e veciñanza para consensuar o desenvolvemento deste ámbito, no que coido que é importante contextualizar o estado no que se atopan as parcelas e as posibilidades que ofrecerá a súa reactivación para gañar usos residenciais e o que é máis importante: a ordenación axústase para que haxa un mínimo dun 10% de vivendas en réxime de protección pública, que pasarían a ser de titularidade municipal. A iso sumaríase, ademais, o feito de que o borrador do plan especial que inicia a súa tramitación permitiría gañar máis espazos libres públicos e tamén contempla a previsión de manter a antiga casa do Concello de Oza como un equipamento público, sendo como é un enclave patrimonial fundamental para entender a nosa evolución como cidade”, explicou Rey.

Agora, o Concello avanza na tramitación do Plan solicitando ao Goberno autonómico o inicio do procedemento de avaliación ambiental.

Mercado municipal de Monte Alto

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o outorgamento de tres dos postos do novo mercado municipal de Monte Alto, aberto á cidadanía a semana pasada.
Tras a súa remodelación, a instalación volveu á actividade con 9 dos 22 postos operativos. Agora, outros tres xa están adxudicados e alcaldesa informou esta mañá de que nos vindeiros días abrirá o prazo para a presentación de ofertas que posibilite a ocupación dos dez postos que fican baleiros. O prazo para solicitar a súa ocupación abrirase nada máis se publique a información no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Publicacións Relacionadas