— O conselleiro de Educación detalla que a comisión creada para a dotación de especialistas lle asignou a maiores un profesional en Pedagoxía Terapéutica compartido
— Tamén se incrementou a dotación de persoal coidador, atendendo sempre a criterios técnicos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento o reforzo do persoal de atención á diversidade no Colexio Vicente Otero Valcárcel, en Carral, que está por riba do que lle corresponde por catálogo, é dicir, pola súa tipoloxía de centro. Cómpre salientar que o centro conta este curso cun especialista en Pedagoxía Terapéutica e outro en Audición e Linguaxe. A maiores, a comisión técnica creada este curso para xestionar as peticións de docentes deste tipo, outorgoulle a maiores outro especialista en Pedagoxía Terapéutica, neste caso compartido con outro centro.
No que atinxe ao persoal coidador, o curso pasado o colexio tiña un auxiliar coidador. Na actualidade mantén este coidador e asignóuselle tamén outro compartido co Instituto de Carral. Polo tanto, a Xunta está a atender as necesidades reais do alumnado do centro coa dotación axeitada de persoal, en base aos criterios técnicos da Inspección Educativa.
Neste sentido, o conselleiro lembrou que cada curso é distinto e que, polo tanto, se van adaptando os recursos ás realidades cambiantes. Así mesmo, neste colexio están aplicadas todas as medidas do Acordo de mellora tanto a redución de ratios como a ponderación do alumnos con necesidades educativas especiais, o que xa permite unha atención máis próxima ao reducirse o número de alumnos na clase.
Ademais, o CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel oferta no presente curso 550 prazas, das que están ocupadas 443. Polo tanto, cos mesmos recursos, aínda tería capacidade para acoller máis de 100 alumnos máis.



