· A concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, entregou os vales ás persoas agraciadas no primeiro sorteo.
Mercar na praza de abastos da Pobra ten premio. E se non, que llo pregunten ás sete persoas agraciadas no primeiro dos sorteos postos en marcha desde a Concellería de Promoción Económica para estimular o consumo no mercado municipal nas festas. A concelleira da área, Amparo Cerecedo, fixo entrega dos vales ás persoas gañadoras da rifa. En total, concedéronse vales cun valor de 1.200 Caramiñas repartidas do seguinte xeito: un primeiro premio de 400 Caramiñas, dous segundos de 200 e catro terceiros de 100. Estes bonos poderán usarse ata o mércores, 24 de decembro, para mercar os produtos das ceas de Nadal na propia praza de abastos.
Ramón Otero fíxose co primeiro premio; José Ramón Paz e Juana Domínguez conseguiron o segundo galardón e Ramón María Pérez, Carmela Barreiro, Cristina Ventura e Montserrat Fernández o terceiro. Unha clienta foi a man inocente que se encargou de retirar os boletos gañadores.
Segundo sorteo
A campaña non remata aí, senón que estará dispoñible ata este sábado, 20 de decembro. Ata ese día, os comerciantes da Praza de Abastos darán á súa clientela un boleto de participación por cada 10 euros de compra. Pola súa banda, o consumidor deberá cumprimentalo cos seus datos persoais (nome, apelidos e teléfono) e depositalo nas urnas situadas nas instalacións da praza. O Concello realizará o segundo sorteo o luns, 22 de decembro (ás 12.00 horas) no propio mercado. Os galardóns serán os mesmos que na primeira rifa pero, neste caso, as persoas gañadoras deberán consumir os vales de Caramiñas desde ata o 31 de decembro para comprar os produtos para as ceas de Noitevella.
Con esta iniciativa, encadrada na campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas, búscase un dobre obxectivo: “non só queremos pór en valor e dar a coñecer a variedade de negocios que hai na Praza de Abastos, senón tamén impulsar as compras nos mesmos nas festas de Nadal”, explicou Cerecedo.



