Esixe ao Goberno español que cumpra o acordo de investidura, subscrito coa fronte nacionalista, no que se recollía a substitución e modernización do material rodante e a mellora das frecuencias
Denuncia as deficiencias do actual servizo, con apenas 4 frecuencias diarias, nunha conexión ferroviaria que une dúas grandes conurbacións que suman máis de 2 millóns de habitantes e que son o eixo vertebral da Eurorrexión
Xabier P. Igrexas: “Apostar por unha mobilidade máis eficiente e máis sustentábel a nivel ambiental é incompatíbel con manter un Tren Celta raquítico e obsoleto”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo advertiu hoxe de que a recuperación da normalidade no funcionamento do denominado Tren Celta, tras a retirada do transbordo en Viana do Castelo, non pode servir de escusa para manter e mesmo agravar as condicións ultraprecarias que viña padecendo esta conexión ferroviaria transfronteiriza.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que a situación actual supón “manter un servizo cada vez máis lento, con tempos de traxecto máis longos e con aínda maiores atrasos”.
Un servizo “raquítico cun tren obsoleto”
Igrexas subliñou que o Tren Celta conecta “dúas grandes conurbacións que suman máis de dous millóns de habitantes” e que constitúen “o eixo vertebral da Eurorrexión Galiza–Norte de Portugal”. Porén, lembrou que o servizo continúa limitado a catro frecuencias diarias, dúas de ida e dúas de volta, “fronte ás 17 conexións diarias en autobús”. “Falamos dun servizo absolutamente insuficiente e insólito, polo escaso e precario que resulta se o comparamos con outras conexións ferroviarias transfronteirizas en Europa”, afirmou.
Esixen cumprir co acordo de investidura
Desde o BNG, Igrexas reiterou a esixencia de que o Goberno español cumpra o compromiso adquirido no acordo de investidura asinado coa fronte nacionalista, no que se recollía expresamente a elaboración dun plan de substitución do material rodante, con trens que “superan xa os 40 anos de vida útil, nun estado claro de falla de mantemento”, así como o estudo do imprescindíbel aumento de frecuencias.
“O que non é aceptábel é falar de normalidade cando se segue a operar cun material obsoleto e cun número de servizos que non responde nin de lonxe ás necesidades reais da eurorrexión”, remarcou.
Melloras inmediatas
O portavoz municipal nacionalista defendeu que, mentres non sexa realidade a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, que o BNG continúa a reclamar se efectivice no horizonte do ano 2030, é fundamental “mellorar de maneira inmediata e substancial o funcionamento do Tren Celta”.
Neste sentido, sinalou que esta conexión pode xogar no futuro “un papel moi importante e complementario” ao da Saída Sur, como base dun sistema de cercanías transfronteirizas, que debería sumarse á posta en marcha do tren de proximidade que o BNG propón para conectar Vigo con Pontevedra polo norte e tamén con Tui polo sur.
“Apostar por unha mobilidade máis eficiente e máis sustentábel a nivel ambiental é incompatíbel con manter un Tren Celta raquítico e obsoleto”, concluíu Igrexas, que reclamando que “é hora xa de que o Goberno español, de PSOE e Sumar, cumpra coa palabra dada”.



