HomeVigoMosPapá Noel tamén chega a Mos en chimpín nunha xornada festiva que...

Papá Noel tamén chega a Mos en chimpín nunha xornada festiva que se unirá á Papanoelada moteira

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos acollerá este domingo, 21 de decembro, a celebración dunha Chimpinoelada de Nadal, unha iniciativa festiva e solidaria impulsada pola Comisión de Festas Virxe do Libramento de Pereiras, que converterá as rúas da parroquia nun espazo de convivencia, alegría e espírito de Nadal.

A xornada dará comezo a partir das 11:00 horas no Local Social Os Castros de Pereiras, desde onde partirá unha animada ruta en chimpín na que os vehículos irán decorados para a ocasión e os seus condutores caracterizados de Papá Noel, ofrecendo unha imaxe orixinal e entrañable que fará as delicias de veciñanza e visitantes.

O percorrido culminará cun encontro moi especial: o remate da Chimpinoelada unirase á tradicional Papanoelada moteira, que sairá ás 10:30 dende o parque da Avda. de Sanguiñeda e rematando en Pereiras, creando unha gran celebración conxunta que reforza o carácter participativo e comunitario do Nadal en Mos.

Tralo percorrido, a celebración prolongarase cun servizo de bar a prezos populares e unha ampla oferta gastronómica, con porco ao espeto, chouripán e callos. Desde o Concello de Mos anímase á veciñanza a participar nesta proposta diferente e interxeracional, que combina tradición, creatividade e convivencia, e que contribúe a encher o municipio de ilusión nestas datas tan sinaladas.

Ámbalas dúas actividades serán canceladas no caso de chuvia.

Publicacións Relacionadas