HomeA CoruñaPapá Noel percorrerá Neda o martes, con paradas exprés en distintos puntos...

Papá Noel percorrerá Neda o martes, con paradas exprés en distintos puntos e unha recepción final

- Anuncio -spot_img

En plenos preparativos das visitas aos fogares para deixar os regalos aos máis pequenos da casa, Papá Noel aparcará por unhas horas o traballo para achegarase a Neda a compartir un tempo cos nenos e nenas do municipio e recibir as últimas cartas con peticións. Será o martes 23 de decembro e, como outros anos, percorrerá as distintas parroquias, con paradas exprés programadas en distintos puntos da localidade.
Segundo o previsto, Papá Noel chegará a Neda na sobremesa e xunto coa súa comitiva fará unha primeira parada no cruce do Roxal, ás 15:30 horas. Serán só uns minutos nos que a rapazada que estea esperando poderá saudar e inmortalizar o encontro cunha foto. Saudados os presentes, seguirá o camiño, facendo quedadas similares noutros cinco puntos.
Así, no itinerario remitido ao Concello propón quedadas similares ás 16:00 horas nas inmediacións do local social de Viladonelle; na contorna do centro social de Anca (16:30 h); na zona de Albarón, xusto diante do centro de saúde da vila (17:00 horas); xunto a ponte de Xuvia, na zona na que comeza o paseo marítimo (17:30 h); e nas inmediacións da casilla do Puntal (18:00 h).
Dende ese punto, dirixirase á Casa das palmeiras, onde, a partir das 18:30 horas, comezará a tradicional recepción. Aquí, con máis calma, Papá Noel atenderá a cada un dos nenos e nenas que queiran achegarse para comentarlle as últimas peticións de agasallos ou deixarlle a habitual carta manuscrita. Será, como sempre, un encontro cheo de ilusión e ben doce, pois servirase á rapazada o habitual chocolate con churros.
A cabalgata e posterior recepción forman parte da programación especial de actividades do Nadal preparada polo Concello. Unha programación que arrincará este venres nos centros educativos públicos de infantil e primaria do municipio.

Publicacións Relacionadas