HomePontevedraO CondadoO Concello de Ponteareas traballa coas mulleres para definir as principais accións...

O Concello de Ponteareas traballa coas mulleres para definir as principais accións que lle darán apoio ao longo do ano

- Anuncio -spot_img

A maternidade, a saúde e a formación son palabras clave na vida das mulleres

O Concello de Ponteareas celebrou onte a primeira das reunións de traballo dirixidas a poñer en común as principais inquedanzas e necesidades das mulleres ponteareás. Máis de corenta mulleres de distintos perfís reuníronse no salón de plenos para compartir preocupacións, experiencias e suxestións, nun espazo de participación activa e diálogo construtivo. Esta é a primeira das reunións organizada pola concellería de Benestar Social co obxectivo de ter información real para deseñar accións axustadas ás necesidades das mulleres. Explica a concelleira Raquel Plana que este traballo terá continuidade en vindeiras reunións e actos como os que se celebrarán no mes de marzo.

As participantes, organizadas en mesas de traballo, avaliaron a situación actual das mulleres atendendo a diferentes variables como os tramos de idade, a área xeográfica, a formación, o emprego e as circunstancias familiares e persoais. Xunto co equipo do CIM, das educadoras e traballadoras sociais do departamento de Benestar Social, iniciaron unha análise DAFO, identificando posibles oportunidades e fortalezas co obxectivo de aproveitalas ao máximo.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, participante tamén na reunión considera indispensable escoitar e configurar os máximos perfís posibles “porque non se pode homoxenizar, cada muller está nunha etapa da vida e circunstancias diferentes. Por iso tratamos de analizar e identificar e logo agrupar conforme ás necesidades e por en marcha iniciativas que dean unha resposta eficaz e melloren o día a día das mulleres”.

Da análise das achegas realizadas despréndense varias conclusións relevantes que permiten comprender mellor a realidade das mulleres de Ponteareas e orientar futuras políticas municipais:

Centralidade da maternidade e do emprego na identidade feminina

A maternidade e o emprego configúranse como os principais eixos que condicionan o proceso vital das mulleres. Esta realidade pon de manifesto que a conciliación, a estabilidade laboral e o acceso a empregos de calidade seguen a ser retos estruturais. A formación aparece como un factor clave para mellorar oportunidades, mentres que os coidados e a saúde manteñen un peso relevante no benestar diario. A ausencia de influencia da relixión e da sexualidade amosa un cambio nos referentes tradicionais e unha maior diversidade de experiencias vitais.

Prioridade absoluta da saúde integral

A saúde, especialmente a mental, sexual e física, emerxe como a necesidade máis urxente. Esta demanda reflicte unha sobrecarga emocional e vital derivada da suma de responsabilidades familiares, laborais e de coidados. A necesidade de máis formación e recoñecemento profesional e social evidencia tamén unha demanda de empoderamento e maior visibilidade do papel das mulleres. A conciliación, o apoio psicosocial, a brecha dixital e a falta de tempo de ocio seguen a marcar desigualdades no acceso a recursos e na calidade de vida.

Expectativa dun papel activo do Concello

As participantes reclaman unha resposta institucional clara e proactiva. Destaca a necesidade de ampliar e mellorar os recursos formativos como ferramenta de autonomía persoal e laboral, así como promover accións de sensibilización para avanzar cara a unha igualdade real, previr violencias e transformar dinámicas sociais. Do mesmo xeito, solicítase reforzar os servizos existentes, mellorar a seguridade e impulsar espazos de ocio e tempo libre que favorezan o benestar e a participación social.

Base sólida para un diagnóstico DAFO

A información recollida permite identificar debilidades e ameazas como a sobrecarga, a falta de conciliación, as carencias en saúde mental ou as desigualdades formativas e dixitais pero tamén importantes fortalezas e oportunidades: unha elevada participación, conciencia crítica, vontade de formación e unha clara implicación das mulleres no deseño de solucións. Este proceso participativo constitúe unha base sólida para a elaboración de políticas públicas adaptadas á realidade local e construídas desde a voz e a experiencia das propias mulleres de Ponteareas.

Os datos

O 57,1% das mulleres sinalou a maternidade como un factor determinante no seu proceso vital, o emprego cun 52,4%  e a formación 33,3%. Como  principais carencias o 57,1% salientou a saúde integral (mental, sexual e física) e a formación cun 42,9% así como o recoñecemento profesional cun 38,1%.

Respecto ás accións que agardan do Concello, un  50% solicita apoio formativo, accións de sensibilización un  45% e un 35% aboga por aumentar e promocionar servizos existentes, así como implementar accións que garantan a seguridade da muller.

Publicacións Relacionadas