As dependencias municipais, inauguradas en novembro e que xa contan con preto dun milleiro de usuarios e usuarias, son o escenario nestas xornadas do obradoiros de elaboración de adornos de Nadal con material de refugallo e do ciclo Fíos e Teas, Nadal Interxeracional
Este venresm, 19 de decembro, terá lugar o habitual Baile, desde as 17.30 horas, con reparto de chocolate quente e churros gratis
O Novo Fogar do Maior, situado á altura do número 5 da rúa Sardanela, intensifica nestas xornadas o seu programa de actividades. Con motivo da chegada do Nadal, as dependencias xestionadas polo Concello, a través da área de Benestar Social e Maiores, están a ofrecer propostas lúdicas nas que as persoas maiores son protagonistas, aínda que tamén inclúen un tono interxeracional.
Ao longo desta semana estase a celebrar, precisamente, o obradoiro de Fíos e teas, Nadal Interxeraciona. Trátase dunha actividade que comezou o martes e que rematará este xoves, consistente na organización de sesións de costura creativa, nas que os e as maiores e as crianzas colaboran á hora de dar vida a elaboracións conxuntas.
Máis alá do resultado final, o que se busca con esta iniciativa é fomentar a socialización e a conversa para favorecer a aprendizaxe mutua. Ademais, desde principios de decembro tamén se están a desenvolver os Obradoiros de Nadal. Grazas a este ciclo, os usuarios e usuarias aprenden a dar vida a adornos e motivos típicos destas datas, mediante o uso de material de refugallo. Desde a Concellería de Benestar Social salientan a alta participación nestas propostas.
Ademais, o vindeiro venres, día 19 de decembro, o novo Fogar do Maior acollerá o tradicional Baile de Nadal. Unha velada que dará comezo a partires das 17.30 horas e que estará amenizada polo grupo Los Dinámicos. O Concello informa de que se repartirán racións de chocolate quente con churros entre os e as asistentes. Asemade, ás 19.00 horas levarase a cabo o acto de entrega de trofeos aos gañadores da Liguiña de Brisca.
Por outra banda, hai que salientar que desde hai unhas semanas o Fogar do Maior conta con novos carteis e pictogramas informativos, elaborados pola Asociación Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa (ARASAAC), nunha campaña que busca potenciar as dependencias como espazo máis inclusivo para todas as idades e necesidades dos usuarios e usuarias. As salas contan, deste xeito, con nonvos letreiros, nos que se poden consultar os horarios e información de interese.
Desde a súa inauguración a principios de novembro, o novo Fogar do Maior conta con preto dun milleiro de usuarios e usuarias habituais, o que fala da súa importancia para a sociedade caldense.



