A asociación ambiental ofreceu unha pequena charla no muíño de Porto do Molle para, a continuación, saír con alumnado do colexio a retirala
A tradescantia se estende como unha gran alfombra polas ribeiras dos ríos galegos e Amabul está a intervir en 5 km2 do río Ulla
O Concello de Nigrán iniciou onte o seu primeiro ‘ataque’ á tradescantia no río Muíños grazas á asociación ambiental Amabul e ao alumnado do CEE de Panxón. Así, unha técnica impartíu no muíño de Porto do Molle unha unha breve charla de identificación de flora exótica invasora no bosque de ribeira e despois saíron ao río a identificala e retirala. A xornada centrouse fundamentalmente na tradescantia, a gran planta invasora desta zona e de todos os bosques de ribeira galegos.
“Este é o primeiro paso, pero a partir de agora realizaremos máis xornadas de concienciación neste sentido porque constitúe unha auténtica praga, o mesmo que moitas veces retiramos lixo do río ou das praias, actuaremos eliminando plantas invasoras”, sinala o alcalde, quen acudíu ao muíño.
Desde o ano 2017, Amabul ven realizando o seguimento da evolución das plantas exóticas invasoras nas ribeiras do río Ulla. Froito deste traballo, no ano 2020 nace o proxecto Erradicadescantia, ao albiscar o desmesurado grao de invasión provocado pola EEI Tradescantia fluminensis (herba da fortuna) nas ribeiras do río Ulla, ocasionando unha substancial perda da diversidade vexetal autóctona debido a que esta especie forma alfombras monoespecíficas impedindo o progreso das plántulas de especies nativas (como o Narcissus cyclamineus) reducindo ou anulando a chegada da radiación solar.
Na actualidade, Amabul está tratando de eliminar de xeito manual unha mancha de aproximadamente 5 quilómetros lineais na marxe dereita do río Ulla ao seu paso polo Concello de Vedra que, de non incidir con urxencia sobor ela, pronto porá en perigo a rexeneración natural das especies autóctonas.



