HomeVigoNigránO concello de Nigrán ofrece este luns a curta caboverdiana "Labuta" seguido...

O concello de Nigrán ofrece este luns a curta caboverdiana “Labuta” seguido dun coloquio con Samira Rocha e Carla Pérez

- Anuncio -spot_img

A proxección terá lugar ás 19:00 horas nos cines municipais da Ramallosa. Samira Rocha é a directora de gabinete da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianose Carla Pérez cooperante

O filme de 21 minutos trasládanos a Ribeira da Barca, na illa de Santiago, onde, durante varias xeracións, a extracción de area nas praias por parte das mulleres foi a única fonte de ingresos

O Concello de Nigrán, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o alcalde preside, ofrece este luns 22 de decembro ás 19:00 horas nos Cines Municipais da Ramallosa a curta documental caboverdiana ‘Labuta’ seguido dun coloquio posterior con Samira Rocha, directora de gabinete da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV) e Carla Pérez, técnica forestal que traballou como voluntaria en Cabo Verde como parte do programa do Fondo ‘Especialistas en coooperar’. A entrada é libre ata completarse o aforo.

A través de ‘Labuta’ achegámonos a un dos países cos que máis ten colaborado o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, de feito, no coloquio posterior, visibilizaranse os proxectos alí apoiados polas deputacións e concellos socios. ” O obxectivo é dar a coñecer a realidade deste país, visibilizar a diversidade cultural e por en valor a cooperación ao desenvolvemento”, sintetiza o rexedor.

A curta de 21 minutos dirixida por Lara Plácido e Inês Alves trasládanos a Ribeira da Barca, na illa de Santiago, onde, durante varias xeracións, a extracción de area nas praias foi a única fonte de ingresos. Corresponde ás mulleres, coidadoras por excelencia deste territorio, alimentar e educar a fillos e netos e, por iso, foi a elas a quen lles tocou realizar este duro traballo, agora prohibido. Bloqueadas entre o impacto ambiental da única actividade que desde sempre desempeñaron e a necesidade de seguir mantendo as súas familias -habitualmente numerosas e monomarentais-, persisten en entrar mar adentro ou en percorrer a ribeira na procura de area para vender. No aire, fica unha pregunta: que futuro lles agarda?

Publicacións Relacionadas