HomePontevedraBaixo MiñoOia rende homenaxe a Lucía Rodríguez Acevedo, limpadora do CEIP Refoxos, con...

Oia rende homenaxe a Lucía Rodríguez Acevedo, limpadora do CEIP Refoxos, con motivo da súa xubilación

- Anuncio -spot_img

O Concello de Oia celebrou no CEIP Refoxos un emotivo acto de homenaxe a Lucía Rodríguez Acevedo, limpadora do centro, con motivo da súa xubilación tras máis de 40 anos de servizo.

No acto estiveron presentes representantes municipais, o alumnado e o profesorado do colexio, a súa compañeira Alicia e o grupo musical Tra-lo Mosteiro. A alcaldesa, Cristina Correa, fixo entrega dunha placa institucional en recoñecemento á longa traxectoria de Lucía, quen ao longo de catro décadas viu pasar varias xeracións de estudantes, preocupándose sempre por manter o centro preparado e coidado. O seu traballo constante e discreto, unido á gran capacidade de dedicación e compromiso, foi destacado pola rexedora.

Durante a homenaxe, os alumnos entrevistaron a Lucía, que compartiu os seus recordos dos primeiros anos no colexio, cando iniciou o servizo apenas tres meses despois da apertura do centro, nunha época na que non había auga e os propios estudantes colaboraban nas tarefas de limpeza. O alumnado entregoulle tamén un libro con debuxos elaborados para conmemorar a súa xubilación.

A alcaldesa transmitiulle, en nome do Concello, os mellores desexos para esta nova etapa da súa vida. A súa compañeira Alicia recolleu ademais vídeos de antigas persoas da comunidade educativa, entre elas a directora dona Alba, quen lle dedicou emotivas palabras de agradecemento polo seu labor durante todos os anos en que exerceu a dirección. Recordou momentos de especial esforzo, como os períodos de obras no centro, e desexoulle unha feliz xubilación, animándoa a visitar o colexio sempre que sentise morriña para compartir conversas coas súas compañeiras.

Con este acto, o Concello de Oia quixo recoñecer publicamente a entrega e dedicación de Lucía, exemplo de compromiso e constancia ao servizo do CEIP Refoxos dende os seus inicios.

Publicacións Relacionadas