A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde a convenios con estes tres concellos para a mellora da mobilidade peonil nas estradas provinciais EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, EP-4204 As Neves- Estación e EP-2405 O Cerquido-Budiño
Luis Lopez acaba de anunciar un investimento de máis de 2,1 millóns de euros na mellora de estradas provinciais ao seu paso por Arbo, As Neves e O Porriño. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde a convenios con estes tres concellos para a mellora da mobilidade peonil nas estradas provinciais EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, EP-4204 As Neves- Estación e EP-2405 O Cerquido-Budiño.
A Deputación de Pontevedra aprobou o convenio co Concello de Arbo e coa Consellería de Educación, por valor de preto de 410.000 €, para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela. Con estes recursos actuarase nun treito de 200 metros no acceso ao CEIP Antonio Carpinteiro, onde se creará un itinerario peonil, renovará o pavimento e a rede de pluviais, soterrará a rede de alumeado público, colocarán luminarias e nova sinalización horizontal e vertical, así como executarán pasos de peóns sobreelevados para reducir a velocidade.
No caso da EP-4204 As Neves- Estación, a Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao convenio co concello a través do cal se investirán máis de 734.000 € para executar unha senda peonil na marxe esquerda da vía. Tamén se dotará dunha nova rede de drenaxe para a recollida de pluviais e de nova canalización para o alumeado público. Ademais, instalaranse dúas marquesiñas para paradas de autobús e renovarase a capa de rodaxe da estrada, construíndo dous pasos de peóns sobreelevados, e a sinalización horizontal e vertical.
Finalmente, a Deputación aprobou o convenio co Concello do Porriño para investir máis de un millón de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-2405 O Cerquido-Budiño. Neste caso vaise estruturar o espazo público da vía para garantir a seguridade peonil, creando unha senda peonil e unha zona de convivencia. Tamén se renovará a rede de pluviais e o pavimento e, nalgúns treitos, executaranse cunetas tendidas na marxe oposta á senda peonil e instalaranse pasos de peóns sobreelevados. Ademais, soterrarase a rede de alumeado público e colocaranse novas luminarias e sinalización vertical e horizontal.



