HomeXunta de GaliciaA Xunta organiza distintas actividades no Nadal para difundir entre a cativada...

A Xunta organiza distintas actividades no Nadal para difundir entre a cativada a riqueza natural e cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo galego programa sete accións lúdicas e obradoiros desde mañá ata o 5 de xaneiro adaptados a diferentes idades cunha oferta de máis dun cento de prazas nas que as persoas interesadas poden inscribirse totalmente de balde
  • O Centro de Visitantes de Vigo acollerá os distintos eventos, nos que as nenas e nenos poderán afondar no coñecemento da biodiversidade deste espazo protexido e na concienciación ambiental sobre o coidado da contorna

A Xunta organiza durante as datas de Nadal distintas actividades coas que difundir de xeito lúdico entre a cativada a riqueza natural e cultural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O Executivo galego oferta un total de sete accións -xogos e obradoiros adaptados ás distintas idades- e máis dun cento de prazas totalmente de balde que, nalgúns casos, precisan de inscrición previa ao haber aforo limitado.

O programa inclúe traballos manuais para a elaboración de distintos obxectos como adornos de Nadal, xogos de enxeño, obradoiros científicos e accións para poñer en valor a natureza e o coidado da contorna que se desenvolverán nas instalacións do Centro de Visitantes do Parque Nacional, en Vigo.

As actividades comezan mañá, 20 de decembro, co obradoiro de adornos de Nadal Faino coas túas mans, na que os participantes poderán facer obxectos decorativos como estrelas e bonecos de neve a partir de materiais de refugallo. Esta acción, dirixida á cativada a partir dos catro anos e impartida polos guías do Parque Nacional, non ten límite de aforo, polo non é precisa inscrición.

Ao día seguinte, o domingo 21 decembro entre 12,00 e 13,30 horas, celebrarase o contacontos Os nosos mares -realizado por Miudiño Sociedade Cooperativa Galega e impartido por Diego García- e, a continuación, xogos asociados sobre a temática do conto. A acción, dirixida a un máximo de 25 nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, conta con entrada libre ata completar aforo e permitirá descubrir as paisaxes máis descoñecidas dos fondos mariños de Galicia, como bosques de algas ou animais que se camuflan coa contorna e son difíciles de detectar a simple vista.

A terceira actividade desenvolverase o 23 de decembro en horario de 11,00 a 12,30 horas e consistirá nun obradoiro de móbiles mariños con cerámica fría impartido polos guías do parque. Nesta acción é preciso inscribirse previamente pois está dirixida a un máximo de 12 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que moldearán e decorarán as figuras de organismos mariños que conforman un móbil decorativo.

A seguinte iniciativa xa será despois do Nadal, o 29 de decembro entre as 12,00 e as 13,00 horas, e será o scape room O misterio do faro apagado. Realizado polos guías do parque e dirixido a un máximo de 12 rapazas e rapaces de entre 9 e 12 anos -que deben inscribirse previamente-, este xogo requirirá de traballo en equipo para superar distintas probas e resolver o misterio do faro de Sálvora.

A quinta actividade, o contacontos Pipo nas illas realizado por Corticata, desenvolverase o 3 de xaneiro en horario de 12,00 a 13,00 horas e consistirá nun conto teatralizado de contido ecolóxico no que os participantes -un máximo de 25 nenas e nenos de 3 a 10 anos- serán os protagonistas desta historia sobre a natureza.

Ao día seguinte terá lugar o obradoiro científico Da praia ao laboratorio. Científica/o por un día, impartido por investigadores do Centro de Investigacións Mariñas e da Universidade de Vigo. Para participar nesta acción -dirixida a cativas e cativos a partir de 6 anos- non é preciso inscribirse e o acceso é libre por quendas de 20 minutos entre as 11,30 e as 13,30 horas.

O último obradoiro será o 5 de xaneiro en horario de 11,00 a 12,00 e de 12,30 a 13,30 e dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos. A actividade, a cargo dos guías do Parque Nacional, require de inscrición previa e nel os participantes elaborarán doces de Nadal con motivos relacionados coa vida existente nos fondos mariños deste espazo protexido.

Inscrición

As nenas e nenos participantes deberán ir acompañados dunha persoa adulta que estará con eles durante toda a actividade, cun máximo de catro participantes por cada persoa adulta, e a inscrición naquelas accións nas que é preciso reservar praza debe facerse mediante o envío dun correo electrónico a centrodevisitantes.iatlanticas@xunta.gal. Ao anotarse deben indicar datos como o nome, apelidos e idade dos participantes, nome e apelidos da persoa adulta acompañante, número de teléfono e correo electrónico de contacto e actividade na que se desexa participar ou preferencia de participación.

A cativada poderá asistir a máis dunha actividade se hai prazas dispoñibles e, cando o número de inscricións supere o número máximo de prazas, terase en conta a orde de preferencia e a orde de inscrición para promover a máxima participación de nenas e nenos. En caso de que finalmente algunha persoa anotada non poida asistir, deberá comunicalo ao mesmo correo da inscrición ou ao teléfono 886218082 o día anterior á celebración da actividade e antes das 19,00 horas co obxecto de que poder avisar á seguinte persoa da lista de espera. O feito de non avisar sen causas xustificadas suporá non poder participar na seguinte convocatoria de actividades.

Publicacións Relacionadas