HomeOurenseO Pereiro de AguiarA Xunta avanza na tramitación da ampliación do parque empresarial do Pereiro...

A Xunta avanza na tramitación da ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar para incrementar a súa superficie en case un 40%

- Anuncio -spot_img
  • O Goberno galego remite a avaliación ambiental o Proxecto de Desenvolvemento Urbanístico (PDU) para acelerar a creación de máis solo empresarial en Ourense

A Xunta de Galicia da un novo pulo a creación de máis solo empresarial na comarca de Ourense tras remitir a avaliación de impacto ambiental o Plan de Desenvolvemento Urbanístico (PDU) da ampliación do parque empresarial do  Pereiro de Aguiar, que suporá incrementar en 231.931 metros cadrados a superficie actual, é dicir, nun 38,4%.

O proxecto, promovido por Xestión do Solo de Galicia (Xestur), elabórase para desenvolver o Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (Peose) do polígono, que non ten parcelas dispoñibles, para atender a demanda de máis superficie de uso industrial na área metropolitana de Ourense.  

A ampliación do parque empresarial do Pereiro de Aguiar conta cun orzamento de 19,8 millóns de euros e enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte e competitivo.

Máis de 440 empresas

O Goberno galego da prioridade á ampliación dos parques empresariais que conforman o cinto industrial da área metropolitana da capital da provincia. Os concellos de San Cibrao e Pereiro de Aguiar, lindeiros entre eles, conforman un polo industrial con máis de 440 empresas domiciliadas, que suman un volume de negocio de 2.418 millóns de euros e xeran 9.256 empregos directos. A pesares de que apenas rexistran uns 12.500 habitantes, representan o 40% do emprego total das empresas da comarca e o 38%  do volume de negocios das entidades mercantís.

O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de outubro a licitación das obras de ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, que incrementará a súa superficie en máis de 341.542 metros cadrados.

Ademais, Xestur ten actualmente en tramitación a redacción dos Peose dos parques empresariais de O Carballiño-Maside e Paderne de Allariz. En total, serán máis de 2,6 millóns de metros cadrados de solo empresarial os que se porán a disposición das empresas nos próximos anos na provincia ourensán, de acordo coa estratexia de impulsar solo industrial nas grandes áreas industriais, pero tamén naquelas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu despoboamento.

A esta superficie industrial hai que sumarlle os 116.985 metros cadrados da ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia, que estará dispoñible o vindeiro ano para os empresarios que desexen asentar as súas instalacións na comarca da Limia.

Publicacións Relacionadas