O Concello de Ourense promoverá novos aparcamentos soterrados que incrementarán notablemente o número de prazas de estacionamento de vehículos en diferentes zonas da cidade. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen detallou 4 liñas de traballo que está a desenvolver o goberno municipal.
- Parque Canedo. O novo aparcamento soterrado estará operativo a finais do ano 2026.
- Rúa Salvador Dalí (O Couto). O goberno local prevé poñer en marcha un novo aparcamento soterrado con máis de 300 prazas, que irá desde o Pavillón dos Remedios ata a rúa Ervedelo. O Concello xa ten redactado o anteproxecto deste novo equipamento, e prevé licitar na próxima primavera un concurso para adxudicar a redacción do proxecto, a execución das obras e a súa explotación.
- Rúa Pardo de Cela. O anteproxecto de soterramento da Praza de Concepción Arenal prevé a posta en marcha dun aparcamento fronte ao Pavillón dos Remedios, dotado con case 200 prazas.
- San Francisco. O goberno municipal encargará a redacción dun anteproxecto para a construción dun aparcamento soterrado en rúa Pena Trevinca – rúa da Coruña.



