HomePontevedraO Concello de Redondela repara o tramo do camiño da Igrexa-Vilar no...

O Concello de Redondela repara o tramo do camiño da Igrexa-Vilar no Rego da Preira

- Anuncio -spot_img

O Rego da Preira, nun tramo ao seu paso por Vilar de Infesta, discorre paralelo ao camiño da Igrexa-Vilar. Para salvar o desnivel entre o regato e o camiño executouse un muro de contención cunha canalización de augas pluviais enterrada. Co paso do tempo, e por colapso da tubaxe de desaugadoiro, as augas foron arrastrando partículas terreo, que afundiu na zona da tubaxe. Isto provocou unha focha no camiño e o afundimento do muro nun tramo duns quince metros de lonxitude.
O Concello contratou as obras para a reconstrución cun investimento de 40.000 euros. A actuación incluirá un novo muro de mampostería, tubaxe de desaugadoiro de augas pluviais e o novo pavimento. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, visitaron a zona onde en breve comezarán os traballos. Villar explicou que mentres duren as obras de reconstrución manterase o muro existente “de tal maneira que sirva como pantalla de protección fronte á vertedura de terras e demais residuos ao regato”. Escavarase o terreo para albergar a cimentación do muro con formigón. Sobre a cimentación executarase o muro de granito cunha altura de máis de 3 metros. Ao mesmo tempo farase o cruzamento da tubaxe e unha arqueta de formigón para recoller as augas pluviais que circulan pola cuneta e que desauguen no regato. O pavimento de acabado será de formigón, a ras co firme de aglomerado existente. Protexerase o desnivel co regato cunha varanda de aceiro. Unha vez rematadas as obras do muro novo retirarase o actual e retiraranse os cascallos.

Publicacións Relacionadas