- Ángeles Vázquez lembra a importancia dunha boa planificación previa, utilizando por exemplo listas cos produtos necesarios e evitando compras impulsivas, para mercar só aquelo que sexa preciso en función do menú e do número de comensais
- A campaña Nestas datas, que non sobren as sobras! desenvolverase nas vindeiras xornadas en diferentes prazas de abastos de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Ourense e Pontevedra
- Repartiranse máis de mil culleres de madeira cun código QR, que tamén estará dispoñible na entrada dos mercados municipais, a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento
A Xunta de Galicia avoga por un consumo sostible e responsable nestas datas de Nadal para contribuír á redución do desperdicio alimentario.
Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na presentación da campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, que se desenvolverá nas vindeiras xornadas en diferentes mercados de abastos de Santiago de Compostela, A Coruña -San Agustín, Conchiñas, Monte Alto, Elviña e praza de Lugo-, Vigo -Progreso, As Travesas e Berbés-, Ferrol –A Magdalena-, Ourense –Ponte Canedo e praza de abastos- e Pontevedra.
Segundo explicou a conselleira, esta iniciativa pretende concienciar as familias galegas sobre o impacto que supón o desperdicio alimentario; promover hábitos de compra consciente e responsable e poñer en valos os mercados municipais como espazo de consumo de produtos de proximidade de primeira calidade, entre outras cuestións.
En concreto, esta campaña consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR a través do que se accede a unha páxina web con receitas de aproveitamento. Este QR tamén estará á disposición da cidadanía nun cartel á entrada de cada mercado. Segundo dixo Ángeles Vázquez, o obxectivo é inspirar elaboracións para aproveitar as sobras do Nadal recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais.
Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou a importancia dunha boa planificación previa, utilizando por exemplo listas cos produtos necesarios e evitando compras impulsivas, para mercar só aquelo que sexa preciso en función do menú e do número de comensais.
Durante a súa intervención, a conselleira fixo fincapé na importancia deste tipo de accións para contribuír a consolidar a redución do desperdicio alimentario. De feito, desde o ano 2020 estes residuos se reduciron nun 19%.
Nesa liña, o Goberno galego xa traballa na elaboración do Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario, unha iniciativa pioneira cuxo obxectivo é reducir nun 50% o desperdicio na venda final aos consumidores e nun 20% as perdas na produción e subministración.
Entre outros aspectos, este plan incluirá o desenvolvemento dun proxecto estatístico co IGE para medir e avaliar o desperdicio alimentario en Galicia, así como a promoción de acordos con concellos e entidades sociais para promover a doazón de alimentos.



