HomePontevedraO BNG de Vigo pide reforzar a seguridade do alumeado de Nadal...

O BNG de Vigo pide reforzar a seguridade do alumeado de Nadal ante as reiteradas caídas

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista considera que os continuados incidentes co tendido luminoso revelan deficiencias no deseño, na execución ou no control das instalacións

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que as luces de Nadal, que custan case 2,5 millóns de euros cada ano, supoñan un risco para as persoas”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide reforzar a seguridade do alumeado de Nadal en Vigo ante as reiteradas caídas nas últimas semanas. A fronte nacionalista alerta de que destes incidentes coa iluminación, que non causaron polo momento danos de gravidade, supoñen un risco que revela deficiencias no deseño, na execución ou no control das instalacións.

Así o denunciou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen asegurou ter constancia de caídas na rúa Brasil, na Florida e na avenida de Camelias, así como información de máis intervencións por parte do servizo de Bombeiros, nalgúns casos de maneira reiterada nos mesmos puntos da cidade.

A xuízo do Bloque, estas incidencias “evidencian a precariedade do material empregado para pendurar as propias luces”. A ese respecto, Igrexas lembrou que a normativa legal obriga a que os arcos de iluminación estean deseñados, ancorados e montados con capacidade para resistir cargas de vento, vibracións e esforzos accidentais, tendo en conta ademais a súa localización en espazos abertos.

No caso de zonas de tránsito de persoas, como as incidencias rexistradas nas últimas semanas en Vigo, a lexislación esixe tamén que non exista risco de caída dos elementos, cables a unha altura insuficiente nin compoñentes accesíbeis que poidan provocar golpes, enganches ou electrocucións.

Acceso a todas as actuacións

O portavoz municipal do BNG afirmou que o Concello é quen debe garantir a seguridade cidadá, tanto como titular da vía pública como promotor directo da instalación do alumeado. Nese sentido, subliñou que é precisa unha vixilancia periódica destes elementos máis alá da montaxe inicial, en particular en episodios de vente ou choiva intensa, e a súa retirada en caso de presentar riscos.

Diante destes sucesivos incidentes, dende o Bloque van solicitar ao Goberno municipal que informe das actuacións realizadas e das medidas adoptadas. Demandan tamén que se lles facilite copia dos informes de todas as intervencións por parte do servizo de Bombeiros e da Policía Local.

“Non podemos permitir que as luces de Nadal, que custan case 2,5 millóns de euros cada ano, supoñan un risco para as persoas”, remachou Igrexas, chamando a que o Goberno local actúe de inmediato para reforzar a seguridade do alumeado.

Publicacións Relacionadas