O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiron á inauguración da aula de formación impulsada pola entidade
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiron esta mañá á inauguración da aula de formación impulsada pola Fundación Amigos de Galicia. Este espazo ten como obxectivo mellorar a capacitación e empregabilidade de persoas en situación de desemprego.
No acto, o director xeral puxo en valor o labor desenvolvido por esta entidade social na integración laboral de persoas que se atopan en risco de exclusión. Arturo Parrado tamén destacou a colaboración entre a Xunta e Fundación Amigos de Galicia, grazas á que é posible a posta en marcha desta aula, na que se investiron máis de 55.500 euros. Ademais, a Xunta concedeu á entidade un total de 305.214 euros para o período 2025-2027 das axudas para entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social.
A través desta nova aula, a Fundación ofrecerá formación en competencias clave e en coñecementos dixitais e ofimática, así como programas específicos de inserción laboral, orientados a mellorar a autonomía persoal e social das persoas participantes. Neste programa formativo tamén se inclúe o desenvolvemento de prácticas non laborais en empresas colaboradoras.



