Levou a cabo novas actuacións en diferentes espazos
Garantir unhas infraestruturas deportivas máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades dos clubs, deportistas e persoas usuarias foi o obxectivo das actuacións de mellora executadas nas instalacións deportivas municipais polo Concello de Tui a través da concellería de Deportes cun investimento de 82 mil euros de fondos propios.
Estas intervencións enmárcanse no compromiso do goberno municipal coa promoción do deporte e co mantemento adecuado das instalacións, tanto para o uso diario como para a celebración de competicións e eventos deportivos de carácter local, autonómico, nacional e internacional.
Entre as actuacións realizadas destaca o mantemento e mellora do pantalán situado na rúa Olímpicos Tudense que é empregado polos deportistas de piragüismo e remo de Tui. Esta a proceder a instalar un novo sistema de flotación. Esta actuación era necesaria debido ao desgaste dos flotadores existentes, que provocaba un afundimento parcial da estrutura cando accedía un número normal de deportistas, xerando situacións de inseguridade, especialmente durante a celebración de probas deportivas. Co novo sistema de flotación mellorarase notablemente a estabilidade e seguridade do pantalán.
Por outra parte procedeuse á instalación de novas luminarias LED no Campo Municipal de Fútbol “O Foxo” de Caldelas. Esta actuación permite mellorar de forma significativa a calidade da iluminación, ao tempo que se reduce o consumo enerxético e os custos de mantemento, apostando por unha solución máis eficiente e sostible.
Outra das intervencións realizadas foi a instalación dun novo sistema de megafonía no Pavillón Deportivo Municipal Vello. Esta instalación deportiva municipal dotouse dun equipamento moderno e funcional que mellora a comunicación durante os adestramentos, competicións e actividades deportivas e sociais que se desenvolven neste espazo.
Por último, a Concellería de Deportes levou a cabo a adquisición de catro marcadores electrónicos, que serán instalados nos catro campos municipais de fútbol, co fin de mellorar a información para deportistas, árbitros e público asistente, modernizando así estas instalacións e adaptándoas ás necesidades actuais da práctica deportiva.
O Concello de Tui con estas actuación prosegue a súa aposta pola mellora continua das instalacións deportivas municipais e o apoio ao deporte base e federado, reforzando o seu compromiso coa calidade, a seguridade e a eficiencia das infraestruturas municipais.



