HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación inaugura “Debuxar coa luz” no Museo de Pontevedra, unha exposición...

A Deputación inaugura “Debuxar coa luz” no Museo de Pontevedra, unha exposición que retrata a cidade do século XIX e reivindica o valor patrimonial da fotografía

- Anuncio -spot_img

O deputado Jorge Cubela inaugurou a mostra, na que ata o 5 de abril e a través de fotografías orixinais da época se pode contemplar a transformación urbana e social de Pontevedra ata o 1900

O Museo de Pontevedra acaba de inaugurar no Edificio Castelao unha exposición que reúne o traballo dos fotógrafos profesionais e afeccionados que traballaron entre 1843 e 1900 en Pontevedra. “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX” componse de arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e mobiliario. A mostra estará aberta ao público ata o 5 de abril de 2026.

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, acompañado da directora  do Museo, Ángeles Tilve, e das comisarias, Reis Camiña Castro e Cristina Echave Durán, conservadoras do Arquivo Gráfico do Museo, destacou na inauguración que con esta mostra “estamos a contribuír a que este espazo, o Museo de Pontevedra, se converta no inmellorable lugar de encontro que é para todos os que amamos a fotografía, a arte e a cultura”. Cubela asegurou que “para a Deputación de Pontevedra é prioritario impulsar e promover os grandes referentes e as múltiples manifestacións culturais, e apoiaremos e impulsaremos iniciativas culturais como esta, que non só sitúa a provincia e a cidade de Pontevedra no foco do máis alto nivel da arte, senón que tamén se converte nun escaparate para dar visibilidade ao noso territorio.”

Pola súa parte Ángeles Tilve resaltou o valor dunha exposición que é resultado de máis de 20 anos de investigación por parte das comisarias. “Desde a súa fundación, o Museo de Pontevedra entendeu a importancia da fotografía non só como documento, senón unha creación con valor propio. Nesa liña desenvolveuse tamén o traballo nas últimas décadas por parte das responsables do Arquivo Gráfico, que é recoñecido por outros investigadores e museos a nivel nacional coa demanda constante dos nosos fondos para exposicións e proxectos”.

As comisarias explicaron que “Debuxar coa luz” ten dous obxectivos fundamentais: dar a coñecer os pioneiros da fotografía na cidade, dos que nalgúns casos a penas coñeciamos fotografías súas ata agora, e facer fincapé no valor patrimonial que a fotografía ten en si mesma. Isto faise mediante unha montaxe expositiva moi atractiva, na que se pon o foco nas fotografías orixinais do século XIX, só puntualmente acompañadas de reproducións actuais en gran formato.

Entre os espazos máis salientables da exposición destaca a recreación dun estudio fotográfico da época, reconstruíndo o ambiente luminoso con paredes de vidro para ter luz natural, con fondos, obxectos e outros elementos do século XIX, nos que destacan varias pezas orixinais do estudio de Francisco Zagala, entre elas a súa cámara. Tamén se dedica un espazo independente aso retratos post mortem, moi frecuentes entón, especialmente as fotografías de nenos falecidos.

A mostra dedica especial atención a dous aspectos predominantes na fotografía do XIX: o retrato e a fotografía urbana, prestando atención tamén a outros aspectos como o uso documental e científico da fotografía e a irrupción das revistas ilustradas. É salientable que o groso da mostra está formada por fotografías orixinais do XIX, apoiadas puntualmente con ampliacións e reproducións actuais.

Nos seus inicios, a fotografía estivo intimamente ligada ao retrato. Os fotógrafos tomaron o relevo dos pintores miniaturistas, facilitando o acceso da sociedade a dispoñer dos seus propios retratos. Na mostra exhíbense exemplos destacados dos procesos fotográficos máis antigos: daguerrotipos, ambrotipos, talbotipos, panotipos e ferrotipos. Entre eles destacan rarezas dalgúns dos pioneiros da fotografía en Galicia, como o único retrato feito en Pontevedra coñecido de Andrés Cisneros, ou a única fotografía da que é autor Manuel Ricaud, ata agora nunca exhibidas.

A popularización do retrato mediante a “carte de visite” deu paso á unha maior presenza de fotógrafos en Pontevedra a partir da década de 1870. A exposición recolle o auxe dos pintores-fotógrafos, que combinaban ambas dedicacións, a aparición dos fotógrafos transeúntes, a incorporación da fotografía á vida doméstica e o establecemento dos estudios fotográficos, con exemplos na mostra de Patricio Bocconi, Francisco Prieto, Juan Caramés e, especialmente, Francisco Zagala, entre outros. Tamén das primeiras mulleres fotógrafas: a viúva de Bocconi e Generosa Carballo, a primeira pontevedresa coñecida que se dedicou a esta exposición, da que se mostran por primeira vez as dúas únicas fotos que se sabe que son da súa autoría.

A cidade retratada

Outra parte fundamental da exposición é a dedicada á fotografía da cidade e o seu contorno. Á importancia intrínseca destas imaxes únese o seu valor documental, que nos permite ver hoxe como se foi transformando o espazo urbano. Na mostra atopamos a imaxe fotográfica máis antiga que se coñece de Pontevedra: unha foto da praza de Tetuán tomada arredor de 1859. Tamén moitas imaxes tomadas por Francisco Zagala, moitas delas para as súas series e álbums, cos que contribuíu a crear a imaxe turística da cidade. Complétase coa obra doutros fotógrafos, moitos deles afeccionados, e  outros viaxeiros, como o francés Hubert Vaffier.

O uso da fotografía na ciencia e no estudo do patrimonio tamén ten o seu espazo na exposición. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra utilizouna como ferramenta de documentación e divulgación de monumentos e achados. No ámbito médico, profesionais coma os doutores Cobián Areal e Celestino Poza incorporaron a fotografía como instrumento de observación, diagnóstico e ensino.

Por último, recóllese na mostra o impacto que nas últimas décadas do século tivo a prensa ilustrada local. As publicacións e revistas periódicas comezaron a incorporar imaxes, o que reforzou a función informativa e documental da fotografía. Neste terreo sobresae Enrique Labarta, pioneiro en Galicia non só por introducir a fotografía nas súas publicacións, senón tamén por ser o primeiro en empregalas con fins publicitarios.

Programa complementario

A partir do 15 de xaneiro, o equipo de Educación do Museo ofrecerá visitas guiadas todos os xoves ás 18:00 h. Nos tres meses e medio no que estará aberta a exposición, realizaranse actividades para públicos diversos. Os obradoiros de Nadal, que se desenvolverán nos días non lectivos deste período vacacional, tomarán como punto de partida para explorar a creatividade infantil a partir da estética do século XIX.

En febreiro e marzo desenvolverase un obradoiro de colaxes animadas, dirixido a público de calquera idade a partir de 8 anos, que partirá das fotografías antigas  para realizar pequenas animacións coa técnica do “stop motion”. Por último, no mes de marzo celebrarase unha xornada sobre arquivos gráficos e museos, con conferencias sobre a adquisición, conservación e difusión de arquivos gráficos desde os museos.

Publicacións Relacionadas